A Xunta remite ao Concello de Vigo o convenio de colaboración para a construción do novo IES de Navia

O Goberno galego investirá preto de 12M€ nesta infraestrutura, que se axustará por completo aos estándares do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

En canto a entidade municipal asine o acordo, informou a delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, a Xunta licitará a redacción do proxecto de construción
 

Vigo, 29 de abril de 2022.- A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que a Xunta vén de remitir ao Concello vigués o documento do convenio de colaboración para a construción do novo instituto de Navia. Tal e como recordou, a través deste acordo proponse a cesión directa dos terreos por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), propietario dos mesmos desde xaneiro de 2022, á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. É dicir, sen necesidade de que sexan transferidos ao Goberno municipal, un instrumento urbanístico que aforra tempo e trámites.

 

O Executivo galego avanza así na construción desta infraestrutura, na que investirá 12M€, e que se axustará por completo aos estándares do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, con espazos amplos e flexibles, máis saudables e adaptados ás necesidades e retos do ensino do século XXI.

 

“Un proxecto esencial para a cidade de Vigo e para a comunidade educativa”, en palabras da representante autonómica, que referenda o compromiso da Xunta coa súa construción, tal e como se defendeu desde o primeiro momento. “Queda acreditada a nosa vontade e compromiso coa execución do IES de Navia en contra das manifestacións malintencionadas que apuntaban a que non se faría”, sinalou.

 

Fernández-Tapias incidiu así en que “o que antes non era posible, xa que non tiñamos o instrumento urbanístico para facelo hoxe é viable”, en clara referencia a titularidade dos terreos. E neste novo escenario, que nada ten que ver co anterior a xaneiro de 2022, a delegada territorial espera “a colaboración das autoridades municipais”. “Tratase dunha infraestrutura clave para Navia e, como tal debe quedar allea a calquera interese político e partidista”, anotou para engadir que “con esta proposta gaña Navia e gañan Vigo e os vigueses”. 

 

O seguinte paso, detallou, e que o Concello de Vigo deberá dar luz verde a esta cesión, así como comprometerse a axilizar os trámites precisos para a urbanización de Navia e conceder a licencia de segregación da parcela.

Unha vez asinado o acordo entre as tres partes (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Concello de Vigo), o departamento educativo da Xunta licitará a redacción do proxecto de construción do instituto, para o que xa hai aprobada unha partida orzamentaria.

 

Dotación do centro

O novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e contará con 16 aulas de ESO e catro de Bacharelato, así como aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos. 

 

Disporá, así mesmo, dunha área de administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos...), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

 

O instituto terá unha superficie total de preto de 8.200m² construídos sobre unha parcela de 12.576 m² totais e estará deseñado seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.