O presidente da Xunta visitou esta tarde as novas instalacións do Grupo Profand, en Cambre

Feijóo destaca a fortaleza da cadea mar-industria reflectida na súa aposta estratéxica pola innovación e a internacionalización

“Estamos a falar dun sector industrial que exporta máis ca nunca, superando, a pesar da pandemia, a barreira dos máis de 2.400 millóns de euros en exportacións”, lembra

Garante o compromiso da Xunta co sector e subliña o orzamento, neste 2022, de 19 millóns de euros para axudas ás pemes do sector transformador

Cambre (A Coruña), 28 de abril de 2022.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a fortaleza da cadea mar-industria, reflectida na súa aposta estratéxica pola innovación e a internacionalización.

Nesta liña, precisou que este sector económico é un dos máis internacionalizados, con buques con bandeira local en máis de 20 países e con actividade transformadora e comercializadora en máis de 30. “E estamos a falar dunha industria que exporta máis ca nunca, superando, malia a pandemia, a barreira dos máis de 2.400 millóns de euros en exportacións”, lembrou.

Durante unha visita ás novas instalacións do Grupo Profand en Cambre, Feijóo garantiu tamén o compromiso do Goberno galego coa cadea mar-industria; “para seguir avanzando e afrontar os retos futuros”, dixo, recordando, entre outras iniciativas, o orzamento neste 2022 de 19 millóns de euros para axudas ás pemes do sector transformador.

Así mesmo, incidiu na necesidade de que, ante a crise económica e loxística actual, o Goberno central e a UE artellen axudas cos remanentes do actual Fondo Europeo Marítimo de Pesca, así como que as empresas transformadoras poidan acceder ás axudas do concurso do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura.

En relación coa importancia desta industria, Feijóo salientou a contribución de Profand á creación de emprego pois nas instalacións de Cambre conta xa con 275 traballadores, dos que 200 se incorporaron desde xaneiro e aos que se sumarán outros 175 proximamente, e a súa filial Cefrico tamén vén de crear 500 novos postos de traballo en Vilagarcía de Arousa.

O titular da Xunta concluíu referíndose a Profand como exemplo dunha industria que avanza e se consolida, situándose como a segunda compañía de produtos do mar de España; “e que aposta pola renovación e a mellora constante, optando aos fondos Next Generation co proxecto El pescado del futuro que, cun investimento de 105 millóns de euros, aspira a aproveitar a I+D+i para impulsar un novo modelo de transformación e comercialización do peixe fresco”, engadiu.

Imaxes relacionadas