As VI Xornadas de Industrias Musicais organizadas pola Fundación Paideia e a xunta analizan en Ourense a importancia da imaxe na música

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou o carácter itinerante do ciclo A volta IN-perfecta, que celebrou a súa segunda sesión no ourensán El Pueblo Café Cultural

Isabel Cea, de Triángulo de Amor Bizarro, moderou os relatorios dos realizadores audiovisuais Xaime Miranda e Sergio Steel, tras os que tivo lugar a actuación do dúo Irevire
 

Ourense, 28 de abril de 2022.-

Ourense acolleu esta tarde a segunda sesión das VI Xornadas de Industrias Musicais, organizadas pola Fundación Paideia Galiza en colaboración coa Xunta, que están a manter o seu carácter itinerante cunha primeira cita en Pontevedra a finais de marzo e unha terceira prevista en Vigo no mes de maio. Bautizado como A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era, o programa desta edición centrouse hoxe no importante papel que desempeña o tratamento da imaxe en calquera lanzamento musical.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil, abriu a xornada expresando a súa satisfacción pola continuidade, pese aos lóxicos atrancos organizativos provocados pola crise sanitaria, desta colaboración con Paideia a prol da música emerxente e da súa profesionalización, que se complementa coa convocatoria anual do certame Sonidos Mans.

 

En referencia ao contido da sesión de hoxe, Sutil incidiu na “conexión esencial” entre música e imaxe. “A experiencia musical vai ligada intimamente aos formatos e soportes propios do audiovisual, tanto nas execucións en directo como nos materiais de promoción ou de presentación nas plataformas de escoita dixital”, sinalou, ao tempo que subliñou que un uso axeitado da imaxe gráfica, da fotografía ou do vídeo poden mellorar e amplificar calquera traxectoria musical.

 

Relatorios e actuación en directo

Para abordar este tema contouse con Isabel Cea, da banda Triángulo de Amor Bizarro, como moderadora e con dous destacados realizadores audiovisuais como relatores: Xaime Miranda,  quen conta con dous premios Mestre Mateo á mellor peza audiovisual musical por Muinheira do interior, de Boyanka Kostova, e Esquimales, de Heredeiros da Crus, e Sergio Steel, director, operador de cámara e cofundador de GUP (Galizian Urban Project). A sesión incluíu o showcase do dúo de folk fusión Irevire.

 

Vigo será o 26 de maio a derradeira parada do ciclo, na que se analizarán as diferentes fases para garantir o éxito dun proxecto musical no seu salto ao directo. O prazo de inscrición abrirase proximamente na web https://www.paideia.es/vi-xornadas-industrias-musicais/.

 

As Xornadas de Industrias Musicais están dirixidas tanto a artistas como ao resto de profesionais vinculados ao sector, como persoal técnico, managers ou programadores, co obxectivo de contribuír á súa capacitación, brindándolles ferramentas e experiencias útiles para o desenvolvemento da súa actividade nas mellores condicións, tanto artísticas como de rendibilidade social e económica.