Lete Lasa destaca a resistencia do deporte galego que permite que hoxe sigamos desfrutando de eventos tan importantes como o Trofeo Repsol

Salienta a evolución de licenzas da vela galega que na actualidade xa conta con 2.245, un 12 % máis que as cifras pre pandemia, e subliña nomeadamente o aumento maior no caso das mulleres, que incrementaron as súas nun 33 %

Baiona (Pontevedra), 28 de abril de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da 44ª edición da Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates de Baiona Trofeo Repsol que reunirá do 29 de abril ao 1 de maio a medio centenar dos mellores veleiros de regata, cruceiro (ORC, ORC Club, A2), J80 e Fígaros e enlazará Baiona e Combarro a través das rías de Vigo e Pontevedra.

O mandatario galego fixo fincapé no “excelente comportamento do deporte e dos deportistas galegos durante a pandemia que resistiron a crise sanitaria con tests, protocolos, máscaras e pautas de vacinación e que grazas ao seu esforzo, hoxe podemos desfrutar dunha axenda deportiva chea de eventos entre os que destacan o Trofeo Repsol”. Non obstante, Lete Lasa cominou ao tecido deportivo galego a “non baixar a garda e seguir alerta para que situacións como as do pasado non volvan ocurrir”.

Neste sentido, o responsable do Deporte galego salientou a evolución de licenzas da vela galega que na actualidade xa conta con 2.245, un 12 % máis que as cifras pre pandemia, e subliña nomeadamente o aumento maior no caso das mulleres, que incrementaron as súas nun 33 %, o que fala do intenso pulo que se está a dirixir ao deporte feminino.

Imaxes relacionadas