O presidente da Xunta asistiu este mediodía á entrega do Premio Emprendedor do Ano de EY ao presidente de Altia, Constantino Fernández

Feijóo salienta o valor da xestión que permitiu aplicar en Galicia rebaixas fiscais e medidas favorecedoras das rendas medias e baixas

Resalta que a Comunidade é a terceira de España con menor débeda pública per cápita; e, desde 2009, a política fiscal da Xunta permitiu que os galegos dispuxeran de máis de 1.200 millóns de euros

Asevera que traxectorias como a do premiado e proxectos como os coñecidos esta semana, entre os que destacou a modo de exemplo, o complexo de fibras téxtiles en Palas de Rei e a planta de metanol verde en Mugardos, reflicten que Galicia conta con iniciativas e emprendedores que apostan por xerar riqueza e emprego

A Coruña, 28 de abril de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o valor da xestión que permitiu aplicar en Galicia rebaixas fiscais e medidas favorecedoras das rendas medias e baixas.

Nesta liña, durante o acto de entrega do Premio Emprendedor do Ano de EY ao presidente de Altia, Constantino Fernández,  Feijóo resaltou que a Comunidade é a terceira de España con menor débeda pública per cápita; desde a súa chegada ao Goberno, a política fiscal da Xunta permitiu que os galegos dispuxeran de máis de 1.200 millóns de euros; “e hoxe unha renda media en Galicia paga un 22% menos de IRPF do que pagaba en 2009”.

O responsable autonómico concluíu facendo fincapé en que a Comunidade seguirá apostando polo desenvolvemento e o interese xeral e reivindicou a Galicia “próspera na que cremos”,  consecuencia do talento e a determinación dos seus emprendendores. Ao respecto, aseverou que traxectorias como a do premiado e proxectos como os coñecidos esta semana, entre os que destacou a modo de exemplo, o complexo de fibras téxtiles en Palas de Rei e a planta de metanol verde en Mugardos, reflicten que Galicia conta con iniciativas e emprendedores que apostan por xerar riqueza e emprego.

Imaxes relacionadas