Xunta e COAG contarán este ano co proxecto para converter o actual edificio dos xulgados no centro de asociacionismo de Vigo

A delegada territorial presentou xunto ao presidente do Colexio de Arquitectos en Vigo o concurso de ideas para reformar o edificio da rúa Lalín

O obxectivo é habilitar locais para entidades sociais da cidade no espazo do edificio xudicial unha vez se trasladen as unidades xudiciais á Cidade da Xustiza 

Vigo, 28 de abril de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este xoves xunto ao presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) na cidade, Manuel Martínez Carazo, o convenio mediante o que se convocará un concurso de ideas para remodelar o edificio dos xulgados e o converterá no Centro de Asociacionismo de Vigo.

 

“A publicación deste concurso de ideas está prevista para finais de maio para poder contar cun anteproxecto no mes de outubro e o proxecto definitivo no mes de decembro”, asegurou a representante autonómica tras manter unha xuntaza na sede do Colexio de Arquitectos cos seus máximos responsables na cidade. O obxecto do convenio é a convocatoria dun concurso de ideas con intervención de xurado para seleccionar a mellor idea que se desenvolverá a nivel de anteproxecto con asistencia do COAG.

 

O documento final serviría de base á redacción do proxecto técnico, básico e de execución, incluído o proxecto de seguridade e de saúde, de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións das obras de rehabilitación, que o gañador do concurso de ideas presentaría no mes de decembro. Polo tanto, podería formalizarse o contrato para a execución da obra no primeiro semestre de 2023 e tería un prazo de execución de 36 meses.

 

Esta actuación pretende habilitar locais na planta baixa e da primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Ademais, tamén se poderán trasladar dependencias administrativas que están a ocupar oficinas alugadas. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias. 

 

As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,5 millóns de euros.

 

Nesta contía inclúense 100.000 euros para os premios do concurso de ideas e máis de 383.200 euros para a redacción do proxecto derivado do concurso e a dirección de obra. Nos orzamentos deste ano resérvase un crédito de 3 millóns de euros co obxectivo de botar a andar o proxecto e comezar a súa posta en marcha o antes posible. Coa posta á disposición do edificio da rúa Lalín a entidades sociais da cidade para a súa ocupación temporal, a Xunta contribúe a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo.

Imaxes relacionadas