Feijóo avanza un investimento de arredor de 120 M€ en proxectos clave para Santiago como as ampliacións do CHUS e de San Caetano ou a aposta por unha mobilidade sostible

Salienta que a ampliación do CHUS, que contará cun investimento de 70 M€, permitirá ampliar nun 30% a superficie actual do hospital

Asevera que coa ampliación de San Caetano imos gañar 10.000 metros cadrados de superficie para albergar uns 650 postos de traballo

Anuncia a execución dunha senda que conectará O Milladoiro co hospital, a estación intermodal e o edificio administrativo de San Caetano

Afirma que investiremos 10 M€ na construción de 60 vivendas públicas e a ampliaremos en 400.000 metros cadrados o polígono da Sionlla

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello da Xunta un investimento de arredor de 120 millóns de euros para proxectos clave para Santiago de Compostela como as ampliacións do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) e da cidade administrativa de San Caetano ou a aposta por unha mobilidade sostible.

 

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta salientou que a ampliación do CHUS, que contará cun investimento de 70 millóns de euros, permitirá ampliar nun 30% a superficie actual do hospital. Logo de explicar que o obxectivo é licitar as obras no prazo de tres meses, Feijóo detallou que este proxecto prevé, entre outras cuestións, a ampliación das urxencias pediátricas e mellora das de adultos, a incorporación dun novo bloque cirúrxico con 7 quirófanos e a construción dun heliporto.

 

O Consello da Xunta tamén aprobou o proxecto de ampliación do complexo administrativo de San Caetano, que suporá na súa primeira fase un investimento de case 30 millóns de euros. O titular do Goberno galego puxo en valor que estes traballos suporán a creación de 564 empregos, directos e indirectos.

 

A maiores, Feijóo incidiu en que o obxectivo son dous bloques de edificios e a unión de ambos a través da praza Camilo Díaz Valiño; a urbanización entre os dous bloques e o edificio de Bombeiros; a dotación de zonas verdes, e a construción dun aparcadoiro subterráneo. Segundo aseverou o presidente da Xunta, “imos gañar 10.000 metros cadrados de superficie para albergar uns 650 postos de traballo”.

 

Mobilidade sostible

No marco da estratexia de Xunta para fomentar a mobilidade sostible, Feijóo anunciou un investimento de arredor de 20 millóns de euros para a cidade e a área metropolitana de Santiago.

 

Nesa liña, estinaranse 12,4 millóns de euros a unha senda de 10 quilómetros, exclusiva para peóns e ciclistas, que conectará O Milladoiro -Concello de Ames-, co hospital, a estación intermodal e o edificio administrativo de San Caetano en Santiago.

 

Ademais, segundo declarou o presidente da Xunta, faranse tres aparcadoiros disuasorios localizados en Teo, Noia e Boiro. “E tamén imos destinar 8 millóns de euros para reformar 267 paradas de autobús”, engadiu.

 

Vivenda e solo empresarial

En materia de vivenda e solo empresarial, Feijóo informou do “investimento de 10 millóns de euros na construción de 60 vivendas públicas e da ampliación en 400.000 metros cadrados do polígono da Sionlla”.

 

Deste xeito, o titular do Goberno galego lembrou que a Xunta está a construír 24 vivendas no barrio do Castiñeiriño e está en proxecto a execución doutras 36 vivendas en dúas parcelas na zona de Lamas de Abade.

 

Ao respecto do polígono industrial da Sionlla, Feijóo puxo en valor o proxecto do centro de fabricación avanzada da Sionlla BioTech, un espazo de 6.500 metros cadrados reservado para empresas en biotecnoloxía. “A Xunta ten comprometidos 4 millóns de euros para a construción e integración de 22 laboratorios modulares para actividades de I+D+i”, abundou.

 

Tamén no eido da innovación, o Consello da Xunta avaliou a evolución do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, un proxecto que terá unha das súas principais sedes no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). “Estamos a falar de 34 millóns de investimento neste Polo, que implica unha oportunidade para a I+D+i, logo de incrementar en case 5,5 M€ os fondos mobilizados tanto da Xunta como da UE”, aseverou Feijóo, para engadir a continuación, que “aspiramos a obter ata 154 millóns de euros de orzamento público-privado co respaldo dos fondos Next Generation”.

 

Turismo

Para concluír, o presidente da Xunta fixo balance do investimento realizado no marco do Xacobeo. “Levamos investidos 22 millóns de euros”, dixo, en actuacións como a mellora dos accesos dos diferentes Camiños a Santiago, na rehabilitación do complexo do Monte do Gozo, en albergues públicos na zona, na sinalización das rutas xacobeas e para labores de promoción e difusión do Ano Santo.

 

Ademais lembrou os preto de 14,6 millóns de euros que o Goberno galego destinou o ano pasado a actuacións para apoiar e impulsar o turismo e a hostalería, dous dos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19.

 

Así, a Xunta investiu 2 M€ nunha ducia de liñas de axudas no marco do plan de choque para o reforzo do sector turístico e, no que respecta ao sector hostaleiro, máis de 3.700 locais da comarca beneficiáronse dos plans de rescate postos en marcha polo Goberno galego, o que supuxo un investimento de 9,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas