O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co delegado da Xunta en Ourense, detalloulle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, esta actuación que impulsará o Goberno galego

A Xunta aborda co concello de Ourense a nova senda peonil e ciclista que conectará a cidade de norte e sur e que suporá un investimento autonómico de 4,5 M€

Os representantes autonómicos e municipais compartiron os plantexamentos do itinerario e emprazáronse a continuar traballando conxuntamente no desenvolvemento do proxecto, impulsado ao abeiro dos fondos Next Generation de mobilidade

O itinerario integrará 5,2 km de sendas, comezando na intermodal, seguindo pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o Paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz

Estas actuacións, que configuran un eixo norte-sur ao longo do río Barbaña, proseguirán desde Ponte Sevilla ata Seixalbo e Bemposta a través da OU-105

A intervención enmárcase nos proxectos para o fomento da mobilidade sostible que está a impulsar a Xunta nas cidades galegas, ao abeiro dos fondos Next Generation
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.-

A Xunta abordou hoxe co Concello de Ourense a nova senda peonil e ciclista que conectará a cidade de norte a sur e que suporá un investimento autonómico de 4,5 millóns de euros.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentoulle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a técnicos municipais esta actuación que impulsará o Goberno galego ao abeiro dos fondos europeos Next Generation de Mobilidade.

 

Os representantes autonómico e municipais compartiron os plantexamentos xerais do itinerario e emprazáronse a continuar dialogando, compartindo información e traballando conxuntamente no desenvolvemento do proxecto.

 

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou o pasado mes a proposta de construción dunha senda que partirá da estación intermodal, continuando polo Barbaña ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e finalizando en Seixalbo.

Trátase dun itinerario que integrará 5,2 km de sendas: iniciarase na estación intermodal, desenvolverase pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o Paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz.

 

Estas actuacións, que configuran un eixo norte-sur ao longo do río Barbaña, proseguirán desde Ponte Sevilla ata Seixalbo e Bemposta a través da OU-105.

 

O Goberno galego, ao abeiro dos fondos europeos Next Generation, está a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, a través de diversas liñas de actuación como este itinerario en Ourense.

Imaxes relacionadas