A Xunta reforza a colaboración cos centros comerciais abertos para continuar avanzando na dinamización do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo un encontro con representantes de asociacións de comerciantes de toda Galicia para informalos das novidades do programa de axudas por 2,25 M€ para este ano

Esta liña será por primeira vez exclusiva para os centros comerciais abertos, o que permitirá que estes teñan arredor dun 20 % máis de orzamento ao seu dispór

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantivo hoxe un encontro na Cidade da Cultura con representantes dos centros comerciais abertos (CCAs) de toda Galicia, dentro da liña constante de colaboración con estas asociacións de comerciantes como peza clave na dinamización dos comercios de proximidade nas vilas e cidades galegas e na transformación dixital e sostible do sector.

No encontro, Heredia trasladoulles as principais novidades do programa de axudas por 2,25 millóns de euros para este ano, unha liña que será por primeira vez exclusiva para os centros comerciais abertos, o que permitirá que estes teñan arredor dun 20 % máis de orzamento ao seu dispór. As asociacións de praceiros, que ata o de agora accedían á mesma liña de axudas, contarán este ano cun programa específico.

Así, os apoios máximos para cada CCA pasarán de preto de 43.000 euros a 52.000 euros, cunha maior intensidade de axuda, chegando ao 80 % do investimento subvencionable. O obxectivo é aumentar as campañas de dinamización e fidelización de clientes que os centros comerciais abertos desenvolven ao longo de todo o ano en colaboración coa Administración autonómica. Ademais, establécese un novo programa de formación para os xerentes destas entidades, fortalecendo os seus coñecementos en dixitalización, dinamización e vendas.

O ano pasado resultaron beneficiarios das axudas da Xunta un total de 53 centros comerciais abertos, con apoios para poñer en marcha ou manter iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial. Tamén se incluía na convocatoria o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, ou a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

Ademais de anunciar as novidades desta convocatoria, no encontro o director xeral de Comercio e Consumo trasladou aos representantes dos comerciantes os resultados das enquisas realizadas pola Xunta para perfilar a posta en marcha das distintas accións e medidas necesarias para fortalecer o sector, entre elas a orde que hoxe se presentou. Tamén se destacou a oportunidade que supoñen para o sector comercial galego os fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas