O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta na capital arxentina, Alejandro López, asisten á inauguración oficial da Feira Internacional do Libro

O stand da Xunta na Feira do Libro de Bos Aires acolle desde hoxe máis dunha vintena de actividades

Participarán o Premio Nacional de Narrativa Xesús Fraga, a Premio Nacional de Poesía Joven Alba Cid, a escritora e divulgadora cultural María Canosa, a ilustradora Laura Romero e o editor Víctor Mascato, entre outros

O representante da Consellería de Cultura salienta a “fortaleza e talento da literatura galega con máis de 20 premios nacionais da última década” e refírese ao “papel estratéxico” das citas internacionais na promoción exterior da cultura

 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022 O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López, asisten hoxe á inauguración oficial da 46ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, na que Galicia retoma a promoción internacional da literatura galega cunha programación de máis dunha vintena de actividades a cargo de distintos autores e cun expositor de promoción permanente no recinto feiral.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade refírese á “fortaleza e talento” da literatura galega, como demostran os máis de 20 premios nacionais da última década, dos que varios estarán presentes nesta cita. Asemade, destaca ao papel “estratéxico” destes certames internacionais para a promoción exterior das letras galegas e para fomentar o intercambio profesional entre autores.

 

No marco deste certame –considerado como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica– a Xunta desenvolverá ata o 16 de maio accións para afondar na difusión da cultura e o libro galego na capital arxentina a través de conferencias, presentacións e coloquios, entre outras actividades coa presenza, do Premio Nacional de Narrativa e xornalista de La Voz de Galicia Xesús Fraga, a poeta galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández Alba Cid, a escritora e divulgadora cultural María Canosa, a ilustradora Laura Romero, e Víctor Mascato da editorial Triqueta Verde, dedicada a literatura infantil.

 

Ademais, instalouse un espazo promocional de 44 metros cadrados onde se presentan as novidades de diferentes editoriais galegas, con máis dun cento de publicacións. Aquí se celebrarán as presentacións e difundiranse, na área audiovisual, vídeos relativos á infraestrutura cultural galega. As actividades terán lugar tanto no expositor de Galicia, como tamén no Colexio Santiago Apóstolo e na Federación de Sociedades Galegas na Arxentina.

 
Encontro de referencia

Os creadores galegos terán a oportunidade de dar a coñecer a súa obra e a literatura galega na que é a feira máis concorrida no mundo de fala hispana. Cunha superficie de máis de 45.000 metros cadrados, esta cita do libro recibe a visita de máis dun millón de lectores e máis de 12.000 profesionais do libro durante as súas case tres semanas de duración.

 

A presenza de Galicia nesta feira internacional enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Xunta a través do apoio á participación do sector editorial nas principais citas internacionais do libro. Este ano, ademais da presenza en Arxentina, Galicia tamén estivo presente na de Boloña e estará tamén en Frankfurt, en outubro, e na localidade mexicana de Guadalajara, en novembro.

Imaxes relacionadas