A Xunta advirte que leva medio ano esperando polo orzamento consignado para convocar as axudas do Bono alugueiro mozo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que o Goberno central non ofreceu resposta ás consultas plantexadas, como a posibilidade de crear unha plataforma de xestión única a nivel estatal

O Goberno galego adianta que, no caso de que non acceda a cambiar o Real Decreto do programa, o Ministerio privará da axuda a moitos menores de 35 anos que compartan a vivenda cunha persoa que non cumpra os requisitos
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.-

A Xunta advirte que despois de seis meses de coñecer a existencia do Bono alugueiro mozo, o Goberno central está pendente de transferir ás comunidades, entre as que se atopa Galicia, o orzamento necesario para publicar a primeira convocatoria destas axudas.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lamenta que o Ministerio siga a xerar grandes expectativas, no canto de adoptar as decisións e abordar os trámites necesarios para entregar definitivamente ás comunidades os recursos confirmados, co fin de facelos chegar aos beneficiarios finais: os mozos galegos.

 

A Xunta recorda que o Bono alugueiro mozo é unha medida do Goberno central anunciada a comezos de outubro do 2021, aprobada en xaneiro no Consello de Ministros e cuxos fondos, medio ano despois do primeiro anuncio, aínda non están transferidos, o que implica que non se poida poñer en marcha.

 

Asemade, Galicia leva tempo advertindo de varias cuestións sen pechar do programa que poden xerar interpretacións contraditorias, cando é a propia Xunta a encargada de xestionalo, así como de realizar as convocatorias coa debida seguridade xurídica.

 

Sen resposta

A modo de exemplo, a Comunidade segue esperando unha aclaración á posibilidade de crear unha plataforma de xestión única, a nivel estatal, para a xestión do Bono, co fin de que se garanta e manteña o dereito de acceso á axuda ao mozo beneficiario que, por circunstancias laborais —por exemplo—, se teña que desprazar a outra comunidade.

 

Outra das demandas da Xunta, e doutras comunidades, centrouse na necesidade de introducir cambios no Real Decreto, xa que —coa redacción inicial do mesmo— quedan excluídos da axuda moitos menores de 35 anos polo simple feito de compartir vivenda con persoas que, non formando parte da súa familia ou unidade de convivencia, non cumpran os requisitos para acceder ás axudas.

 

A demanda da Xunta plantexaba, no caso de vivendas compartidas por persoas sen máis vínculo que residir na mesma vivenda, que o tratamento dos datos e os requisitos fosen individualizados. A Administración galega considera que a axuda concédese a cada persoa en particular, e non ao conxunto das persoas que comparten a vivenda.

 

Lamentablemente esta demanda, igual que o resto de cuestións trasladadas, non foi respondida polo Ministerio; polo que, no caso de non modificar este apartado do Real Decreto, o Goberno galego buscará a maneira de minimizar o impacto do mesmo sobre as persoas afectadas por unha decisión que considera incomprensible.

 

A Xunta lembra que os 22,8 millóns de euros que xestionará ata 2023 permitirán atender a unhas 4.000 persoas menores de 35 anos, é dicir, só un 1,4% dos posibles beneficiarios.