A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Pardo, selaron de xeito telemático o acordo para impulsar as obras, cun investimento de 200.000€

A Xunta e o concello de Outeiro de Rei asinan a colaboración para executar a 2ª fase de mellora da rede de abastecemento municipal

Dáselle continuidade á 1ª fase de ampliación do abastecemento, que conecta a rede de distribución que leva a auga desde do depósito de cabeceira ata o polígono industrial da Matela, coa rede que se abastece da potabilizadora

A Xunta achegará o 80% do orzamento, 160.000 euros, e executará as obras, mentres o Concello de Outeiro de Rei contribuirá co 20% restante

Ampliarase a rede existente, conectándoa a través dun novo ramal coa zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6

Estas novas actuacións darán servizo a unha poboación de 1.485 habitantes, ao parque empresarial e á cabana gandeira da zona no ano horizonte de 2046

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde do Concello de Outeiro de Rei, José Pardo, asinaron o convenio de colaboración para executar a segunda fase da mellora da rede de abastecemento municipal, que suporán un investimento de 200.000 euros.

 

O convenio de colaboración, asinado de xeito telemático, dá continuidade aos traballos executados de conexión da rede de distribución, que actualmente vai desde o depósito de cabeceira ata o polígono industrial de Matela, coa rede que se abastece da estación de tratamento de auga potable. Esta primeira fase dos traballos foron executados no ano 2019 cun investimento de case 500.000 euros.

A segunda fase céntrase na execución das obras de ampliación da rede existente, conectándoa a través dun novo ramal coa zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6.

 

Mediante a colaboración asinada entre a Xunta e o Concello, a administración autonómica asume a execución das obras e contribuirá ao financiamento das actuacións co 80% do orzamento, destinando 160.000 euros. O Concello, pola súa parte, achegará o 20% restante. A actuación será cofinanciada pola Unión Europea a través do fondo comunitario FEADER.

 

As obras

Na actualidade, o concello de Outeiro de Rei dispón dunha estación de auga potable, ampliada en dúas ocasións cunha capacidade de tratamento 300m3/h e dous depósitos de cabeceira de 1000 m3 e 2700 m3 de capacidade.

As obras da primeira fase centráronse na execución dun ramal principal, cunha lonxitude de algo máis de 3 quilómetros de tubaxe. Na actuación leváronse a cabo dous cruzamentos subterráneos no río Miño e na N-VI que se realizaron mediante perforación dirixida.

 

A 2ª fase das obras, obxecto do convenio asinado agora, complementarán esa primeira intervención co obxectivo de reforzar a rede de abastecemento existente, xa que presenta problemas en canto a presións e caudais dispoñibles para abastecer a demanda actual e futura.

 

Para iso prevese a ampliación da rede, mediante a instalación dun ramal en tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, que contará cunha lonxitude total de 620 metros que conectará coa rede actual na zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6.

 

As obras proxectadas darán servizo a unha poboación de 1.485 habitantes, ao parque empresarial da Matela e á cabana gandeira da zona, no ano horizonte de 2046.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.