A Xunta destaca a importancia da prevención no ámbito da saúde mental entre as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración dunhas xornadas de saúde policial organizadas polo Sindicato Unificado de Policía e a Asociación Unificada da Garda Civil

A Xunta colabora a través da AGASP co Sindicato Unificado de Policía en oito cursos de formación dirixidos ás forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia e que se están a impartir neste primeiro semestre

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou a importancia de levar a cabo as medidas de prevención necesarias relacionadas co ámbito saúde mental dentro das forzas e corpos de seguridade de dos servizos de emerxencias. Así o sinalou na inauguración hoxe das xornadas de saúde policial SAUDEPOL organizadas polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a Asociación Unificada da Garda Civil (AUGC) en colaboración co Parlamento de Galicia.

Á inauguración da I Xornada sobre promoción da saúde mental e prevención do suicidio nos corpos policiais e de emerxencias de Galicia tamén asistiu o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez Nieto; e o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Luis Francisco Rodríguez.

Os expertos sobre a materia encargáronse de abordar a necesidade da promoción da saúde mental ou da protección fronte aos riscos psicosociais nas distintas actividades policiais co obxectivo de sensibilizar á cidadanía e aos propios integrantes das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencia sobre este tema.

A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), colabora co Sindicato Unificado de Policía, un dos organizadores destas xornadas, na formación do persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia. Neste primeiro semestre do ano estanse a levar a cabo 8 cursos e precisamente un deles previstos para comezos de xuño está relacionado cos riscos psicosociais asociados á función policial.

Ademais, no marco do plan de formación continua da AGASP impartiranse ata xuño 64 cursos con máis de 1.400 prazas para a Policía Autonómica, a Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil coa finalidade de actualizar os coñecementos destes profesionais. Na mesma liña e co obxectivo de contar con efectivos ben formados e preparados, a Academia tamén se encarga da formación dos servizos de emerxencias como os membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Imaxes relacionadas