A Xunta xa renovou o firme nos accesos ao Hospital de Calde, en Lugo, e hoxe comeza coas melloras no HULA

O delegado territorial, Javier Arias, explica que no hospital Lucus Augusti reforzarase o pavimento dos viarios e do aparcamento da área de Urxencias

Lugo, 28 de abril de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa completou a renovación do firme nos accesos ao hospital de Calde, en Lugo, e hoxe comeza a executar as melloras no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

 

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que ambos proxectos forman parte do contrato para acondicionar accesos aos centos hospitalarios da provincia de Lugo, incluídos os de Monforte de Lemos e Burela, que conta cun orzamento de 486.000 euros.

 

Arias apuntou que os traballos no Hula consistirán na mellora do firme mediante a extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente no exterior da zona de Urxencias. O espazo de actuación corresponde cos viarios e o aparcamento desta área, que ocupa unha superficie pavimentada de 6.413 metros cadrados.

 

O delegado afirmou que está previsto concluír a intervención a finais da próxima semana, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

 

No caso de Calde, as obras están finalizadas e unicamente queda pendente completar a sinalización. Ademais de reforzar o firme nos accesos e na zona sur, reservada para aparcamentos, o proxecto incluíu a mellora dos separadores vexetais en mal estado. Para iso, proxectouse a retirada e posterior reposición da capa de terra vexetal e a plantación de céspede. Ademais, colocouse un bordo de formigón en todo o perímetro.

 

Tamén se habilitou un pequeno itinerario peonil no acceso ao hospital para facer máis seguro o tránsito a pé. A zona de actuación nesta infraestrutura sanitaria ocupa unha superficie total de 10.155 metros cadrados.

 

O delegado destacou que estes proxectos teñen por obxecto corrixir o deterioro dos pavimentos e incorporar novos elementos para facer máis cómodo e seguro o tráfico rodado e os desprazamentos dos peóns.

Imaxes relacionadas