A Xunta apoia 19 plans de internacionalización de empresas de Pontevedra e o Salnés cun investimento de máis de 700.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, informa do programa Galicia Exporta Dixital nunha visita á empresa Quival-Frutos Secos El Nogal

Esta firma recibíu unha axuda de 33.600€ ao abeiro desta orde para impulsar a súa exportación dixital de produtos gourmet aos Estados Unidos co obxectivo de aumentar a carteira de clientes

A convocatoria 2022, que se atopa en fase de resolución, vai destinar 4,4 M€, con axudas de entre 18.000€ e 100.000€, para seguir colaborando coas canles de venda a países estranxeiros

Campo Lameiro, 28 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de apoiar 19 plans de internacionalización de empresas das bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Salnés cun investimento de 709.651 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá do programa de axudas Galicia Exporta Dixital nunha visita á firma Quival-Frutos Secos El Nogal, emprazada no polígono industrial da Facha de Campo Lameiro, xunto ao alcalde, Carlos Costa, e outros representantes municipais.

 

“A Xunta está plenamente implicada coas ansias de crecemento mundial das nosas empresas e está a facer un bo labor de acompañamento dos seus proxectos de exportacións, respaldando 330 plans nos dous últimos anos e permitindo que a provincia de Pontevedra pechara 2021 con máis de 12.000 millóns de euros de negocio por todo o mundo e se situara como a sexta provincia española neste ránking”, manifestou o representante autonómico.

 

Así, coa anterior convocatoria subvencionáronse 19 plans de internacionalización no interior da provincia, entre os que figuran sete da cidade de Pontevedra, tres da comarca de Caldas, catro do Salnés e cinco da bisbarra pontevedresa, entre os que figura o da firma Quival-Frutos Secos El Nogal.

 

Estas cifras complétanse con outros catro proxectos con axudas no Deza por valor de 176.426 euros, outros tantos no Baixo Miño por 105.832 euros e preto de 150 na área territorial de Vigo con achegas por case 5 millóns de euros.

 

Na súa visita, Luis López coñeceu as instalacións e o traballo da empresa Quival-Frutos Secos El Nogal, que conta cunha nave de 5.000m2 e que dispón dunha capacidade de produción dunhas 4.500 toneladas anuais de froitos secos e deshidratados. Ademais, tras louvar os seus corenta anos de actividade e que sosteña decenas de postos de traballo, o delegado territorial tamén se informou do seu plan de internacionalización, que contou cunha achega de 33.600 euros de Galicia Exporta Dixital e que está orientado ao impulso da súa estratexia de exportación dixital de produtos gourmet aos Estados Unidos co obxectivo de consolidar as súas vendas e aumentar a súa carteira de clientes para aumentar a súa facturación nun 10%.

 

Finalmente, o representante autonómico desvelou que a convocatoria 2022 deste programa exportador atópase en fase de resolución e adicará 4,4 millóns de euros a apoiar os plans de internacionalización con achegas de entre 18.000 euros e 100.000 euros. Cómpre lembrar que esta orde complétase con outras como Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, tamén orientadas a favorecer o negocio en países estranxeiros.

Imaxes relacionadas