A Xunta realizou visitas técnicas para avaliar parcelas a todos os concellos incluídos no Plan de infraestruturas de Atención Primaria que o solicitaron

Xa se asinou en Boborás o primeiro convenio dos centros da fase 1, ao que seguirán proximamente os de Muiños e Noia

O Goberno galego remitiu propostas de protocolos a outros cinco concellos co obxecto de darlles a cobertura xurídica para iniciar os procesos urbanísticos ou expropiatorios

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

“O Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria da Xunta está a permitir ao Goberno galego priorizar e dirixir mellor os seus investimentos e aos concellos actuar coñecendo as previsións do Executivo galego”. Así o destacou no Parlamento o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara. O titular da carteira sanitaria remarcou que o persoal técnico do Sergas fixo visitas “a todos os concellos que solicitaron avaliación das parcelas ofrecidas”, buscando solucións aos procesos urbanísticos ou expropiatorios.

Tal e como sinalou o conselleiro, Sanidade xa asinou o primeiro convenio da fase 1, o de Boborás, onde o concello axilizou a expropiación da parcela e están en tramitación os convenios cos concellos de Muiños e Noia, onde tamén avanzaron nos trámites de adquisición.

Naqueles municipios nos que a parcela está identificada pero o concello debe iniciar os trámites urbanísticos ou expropiatorios, o conselleiro dixo que o seu departamento asinará protocolos para darlles cobertura.

Segundo García Comesaña, xa están remitidas propostas de protocolos aos concellos de Ribadeo, O Carballiño, Malpica de Bergantiños, Teo, ou Meis (hoxe asinado), para avanzar na tramitación de parcelas propostas por eles, que xa están identificadas e acordadas.

En consecuencia, -remarcou o conselleiro-, vanse cumprir seis meses dende que a Xunta aprobara este Plan de Infraestruturas para o primeiro nivel asistencial “e as expectativas establecidas coa súa elaboración estanse a cumprir”.

Obras e reformas

No que atinxe ás reformas, o titular da carteira sanitaria dixo que Sanidade vai iniciar, de inmediato, aquelas que son internas e non afectan ao urbanismo, e xa está encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas a obra do centro da Milagrosa, en Lugo, e a área sanitaria da Coruña xestionará a de Culleredo.

Polo que respecta ás obras que teñen afectación urbanística, a Xunta tamén está a arbitrar solucións e, así, asinouse un protocolo en Moraña para tramitar unha modificación urbanística que permitirá a ampliación, e propúxose esa mesma solución ao concello do Rosal. No de Outeiro de Rei, García Comesaña dixo que a Xunta asinará o compromiso de cesión dunha parcela anexa para acometer a obra.

O conselleiro de Sanidade remarcou que este Plan de Infraestruturas para primaria posto en marcha pola Xunta “está a contar coa colaboración de todos os alcaldes e alcaldesas que se interesaron polo mesmo.” Pola contra, remarcou que “hai concellos que, seis meses despois de recibir unha carta da Xunta sinalando que o Goberno galego quere investir na súa sanidade pública, aínda non deron resposta algunha”.

Sinalar, por último, que este Plan de Infraestruturas non só identifica con criterios obxectivos aqueles centros sobre os que é máis prioritaria unha intervención para a súa reforma ou substitución, senón, que, tamén, enfoca as características desa intervención para garantir a súa adaptación aos novos requerimentos asistenciais do modelo de atención primaria cara ao que a Xunta de Galicia quere dirixirse.

Imaxes relacionadas