A Xunta salienta no Salón do Automóbil de Vigo a necesidade de xerar oportunidades tanto para a propia industria como para o consumidor

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na inauguración do encontro que as diferentes administracións deben traballar xuntas para impulsar un sector tan estratéxico como o da automoción

Lembra que o Renove Automoción da Xunta vén de ampliar o seu orzamento ata os 4,5 millóns, e xa se recibiron máis de 1.200 solicitudes, o que supón preto de 26M€ de mobilización

Vigo, 27 de abril de 2022 O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe na inauguración do Salón do Automóbil e da Motocicleta de Vigo que este encontro evidencia a importancia de xerar oportunidades tanto para a propia industria como para o consumidor final. Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, fixo fincapé na necesidade de que as diferentes administracións traballen xuntas e para un sector tan estratéxico como é o da automoción.

 

O vicepresidente económico sinalou que o evento feiral que hoxe bota a andar en Ifevi conta con todos os ingredientes para ser un éxito, sinalando que todo o que rodea esta edición do Salón do Automóbil é excepcional. Así, a cita fai 30 anos de historia, convertida na segunda máis antiga de España no sector da distribución de vehículos; e bota a andar de novo despois do parón que supuxo a pandemia, cunha oferta que inclúe máis de 30 marcas de coches e máis dunha vintena no segmento das motocicletas; con presenza das novas tendencias en mobilidade eléctrica, sostible e conectada; e cos vehículos híbridos e eléctricos como grandes protagonistas.

 

Neste contexto de transformación do sector, faise necesario estimular a demanda, e así, Conde lembrou os apoios á venda de vehículos eficientes cos que conta a Xunta de Galicia, como o Renove Automoción, con apoios para familias, empresas e autónomos. Este programa vén de ampliar o seu orzamento en 2 millóns de euros, ata os 4,5 millóns, e xa se recibiron máis de 1.200 solicitudes, o que se traduce en axudas por arredor de 3,4 millóns de euros, preto de 26 millóns de euros de mobilización.

 

O responsable de Economía, Empresa e Innovación sinalou que encontros como o Salón do Automóbil son unha boa oportunidade para reivindicar o apoio inquebrantable ás perspectivas de crecemento da industria da automoción, e lembrou as necesidades trasladadas por Stellantis Vigo para optar ao Perte do vehículo eléctrico e conectado, e pediulle ao Goberno que sexa sensible coas mesmas.

 

O sector galego da automoción facturou 11.200 millóns de euros en 2021, un 7,3% máis que o ano anterior, a pesar da pandemia e da crise de subministracións. Ademais, esta industria marcou o ano pasado un novo récord en exportacións, que se traduce en 8.160 millóns de euros exportados, é dicir, 12,4% máis que no 2020, representando o 32,3% do total das exportacións de Galicia.

Imaxes relacionadas