A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez subliña os investimentos da Xunta en actuacións transformadoras na cidade de Ourense e lembra que a Avenida Otero Pedrayo é de competencia municipal

Vázquez Mourelle destaca que a Xunta acometeu a remodelación na rúa Otero Pedrayo, que se corresponde co primeiro quilómetro da estrada autonómica OU-536, achegando un investimento de case 2 M€

Lembra que unha vez rematadas as obras, en setembro de 2019, o Concello asumiu a titularidade da rúa, polo que é a Administración local quen debe impulsar as iniciativas que considere oportunas en relación a este treito da estrada

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe os investimentos da Xunta en actuacións transformadoras na cidade de Ourense e lembrou que a avenida Otero Pedrayo é de competencia municipal.

 

Vázquez Mourelle aclarou no Parlamento que a administración titular da avenida Otero Pedrayo é o Concello de Ourense, polo tanto, é a administración local a que debe impulsar as iniciativas que considere oportunas sobre esa vía.

 

Lembrou que a Xunta acometeu entre o 2018 e 2019 unha remodelación na rúa Otero Pedrayo, que se corresponde, ademais, co primeiro quilómetro da estrada autonómica OU-536, achegando un investimento de case 2 millóns de euros.

 

Esta intervención mellorou radicalmente a integración urbana e a seguridade viaria da rúa, dispoñendo dúas glorietas, semáforos, iluminación e beirarrúas reparadas. Tamén se optimizou a accesibilidade cunha nova rampla de acceso á piscina da Universidade e se construíu unha senda na marxe dereita da vía máis aló do primeiro quilómetro.

 

Unha vez rematadas as obras, en setembro de 2019, o Concello de Ourense asumiu a titularidade do treito da estrada obxecto da actuación.

 

A conselleira destacou que a Xunta leva anos impulsando actuacións en materia de seguridade viaria na cidade das Burgas, como a executada na rúa Marcelo Macías, as dúas fases da posta en valor da Ponte Vella e da súa contorna, a Ponte do Milenio ou a mellora da OU-105 en Seixalbo.

 

Puxo en valor outros proxectos tan relevantes e xa en servizo como a estación de autobuses intermodal, cun orzamento autonómico de 9 millóns de euros.

 

Puntualizou que o AVE chegou a Ourense e conta coa estación de autobuses intermodal funcionando desde hai un ano, pero lamentou o retraso nos traballos que debe acometer o Goberno central na terminal de tren.

 

Indicou que o Goberno galego destinou 500.000 euros á demolición da antiga estación e o solar está xa preparado para albergar unha nova residencia da terceira idade ao servizo de Ourense, na que traballa xa a Consellería de Política Social.

 

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando no reforzo da mobilidade sostible en Ourense, coa posta en marcha de sendas xa licitadas na OU-105 en Ponte Sevilla, e na OU-536, na avenida de Ponferrada, en Montealegre e Valdorregueiro.

 

Ethel Vázquez salientou que a Xunta tamén prevé desenvolver nesta cidade un dos proxectos máis ambiciosos aproveitando os fondos Next Generation do programa europeo de reconstrución económica tras a pandemia. Trátase dun gran itinerario peonil e ciclista que conectará a cidade de norte a sur, partindo da estación intermodal, continuando polo Barbanza ata o Complexo Hospitalario Universitario e rematando en Seixalbo.

 

Detallou que serán 5,2 quilómetros de sendas cun investimento que roldará os 4,5 M€ co obxectivo de transformar a mobilidade na cidade, fomentando desprazamentos máis limpos e saudables. Tamén se referiu ás actuacións no eido da sanidade pública, lembrando que o Goberno galego está a destinar máis de 52 M€ a ampliar o Complexo Hospitalario de Ourense.

Imaxes relacionadas