A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento

A Xunta solicita á confederación Miño-Sil o inicio da tramitación ambiental para avaliar a viabilidade das medidas propostas para o abastecemento a Vigo e a súa declaración de interese xeral do Estado

Vázquez Mourelle indica que a Confederación Miño-Sil debe analizar de forma obxectiva e rigorosa a viabilidade ambiental das obras previstas no estudo de alternativas

Adianta que o bombeo do Verdugo ao Oitavén non achegaría suficiente volume de auga en épocas de escaseza, nas que ambos os ríos quedarían reducidos ao caudal ecolóxico

Asegura que a Xunta non apoiará ningunha actuación que non conte co imprescindible aval ambiental

Lembra que o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia actualmente está garantido e do que se trata é de procurar solucións no horizonte do ano 2070

A realización do estudo de alternativas foi proposta en 2018 pola Xunta, e acredita a postura do Goberno galego que apuntaba a que o principal problema do abastecemento a Vigo era a potabilizadora do Casal xestionada polo Concello
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.-

A Xunta solicitou xa á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o inicio da tramitación ambiental para avaliar a viabilidade das medidas propostas para o abastecemento a Vigo e a súa declaración como actuación de interese xeral do Estado.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, indicou no Parlamento que a Confederación Miño-Sil, como autora do estudo de alternativas, debe avaliar de forma obxectiva e rigorosa a viabilidade ambiental das intervencións que prevé ese documento.

 

Entre outras medidas, figuran o bombeo do río Verdugo ao río Oitavén,  unha nova presa augas arriba deste, o bombeo desde o Miño ata o encoro de Zamáns, duplicar a sección do túnel de Amoedo ou conectar ao sistema as traídas de Nigrán, Gondomar e Baiona.

 
Adiantou que para a Xunta o bombeo do Verdugo ao Oitavén nin é necesario nin achega solucións.
 

Precisou que esta actuación levaría aparellado un maior gasto enerxético e non achegaría suficiente volume de auga en momentos de escaseza, máxime tendo en conta que a bacía dos dous ríos xa é moi limitada en circunstancias normais.

 

Concretou que esta actuación tamén pode resultar incompatible co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, pois en episodios de seca o volume de auga de ambos os ríos queda reducido ao caudal ecolóxico.

 

Remarcou que a Xunta non apoiará nin esta nin ningunha outra actuación que non conte co imprescindible aval ambiental. 

 

Remarcou que actualmente o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia está garantido é que do que se trata é achegar solucións que resolvan calquera problema de abastecemento futuro, no ano horizonte de 2070.

 

Estudo de alternativas

A responsable de Infraestruturas lembrou que a realización deste estudo de alternativas no que se ponderaron todas as posibilidades para blindar o abastecemento foi proposta en 2018 pola Xunta.

 

A iniciativa da Xunta foi aceptada polo Concello de Vigo e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e, a partes iguais entre as tres administracións, acordouse financiar a realización do estudo, cuxa execución foi asumida pola Confederación Miño-Sil.

 

Ethel Vázquez subliñou que o informe indica que a Xunta estaba no certo ao amosarse convencida de que o principal problema do abastecemento a Vigo era a súa potabilizadora do Casal, xestionada polo Concello.

 

Polo tanto, incidiu en que as obras de modernización da potabilizadora municipal, que o Concello negou durante anos pero que iniciou finalmente o pasado mes de outubro, son imprescindibles para garantir a calidade da auga.

 

Lamentou o tempo perdido, xa que no ano 2017, estando o encoro de Eiras ao 37%, é dicir, cun volume de auga nada desdeñable, o abastecemento á poboación estaba en risco porque a potabilizadora non podía garantir a súa calidade.

Imaxes relacionadas