A Xunta investirá 230.000 € na reforma do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anuncia no Parlamento a encarga inmediata da redacción do proxecto para esta obra

O Goberno galego xa acometeu actuacións de limpeza neste espazo
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento que o seu departamento vai encargar “con carácter inmediato a redacción do proxecto para a mellora do salón de actos do instituto IES Alfredo Brañas de Carballo”. A Xunta de Galicia prevé investir 230.000€ nesta actuación, segundo a valoración inicial da Unidade Técnica.

 

Tal e como explicou o conselleiro, ss estudos técnicos apuntan á necesidade de afrontar unha obra de acondicionamento e mellora deste espazo, que implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito como paso previo ás reformas. “Estamos a falar de obras de albanelaría para instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, modificación das instalacións de electricidade, preinstalación de nova megafonía, pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla”, sinalou.

 

Estes traballos sumaranse á actuación previa de limpeza do salón de actos acometida pola Consellería a finais de decembro de 2021. A finais de febreiro, e tras varias visitas para coñecer a situación, determinouse a necesidade de realizar unha actuación de maior envergadura. “Estamos neste punto, temos una valoración técnica inicial das necesidades de acondicionamento e hai que seguir un procedemento administrativo”, dixo o representante da Xunta de Galicia.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que o contexto non é favorable, dado a o momento complexo que se está a producir arredor das obras públicas, con alzas de prezos e, nalgúns casos, de falta de subministros.

 

A pesares disto, Román Rodríguez salientou o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, que suporá un investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

 

Imaxes relacionadas