A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta mañá co presidente e os tres vicepresidentes do órgano de representación do municipalismo galego

A Xunta anima á Fegamp a sumarse á fronte autonómica impulsada por Galicia para reclamar seguridade xurídica na planificación urbanística

Ángeles Vázquez avoga por unir os esforzos de administracións e profesionais para lograr que o Goberno central promova unha reforma lexislativa que impida a nulidade radical dos PXOM e doutros instrumentos por vicios menores facilmente corrixibles

Subliña que, ata o momento, xa son 15 os gobernos autonómicos que subscribiron o chamado manifesto por un urbanismo responsable, ademais do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Asociación de Arquitectos Urbanistas

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A Xunta convidou hoxe ao municipalismo galego a sumarse á fronte común impulsada por Galicia e á que xa se uniron outros 14 gobernos autonómicos co obxectivo de garantir a seguridade xurídica en todos os instrumentos de planificación urbanística e ordenación do territorio que se promoven no conxunto do país.

 

Este foi o punto principal da reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, co presidente, Alberto Varela, e os tres vicepresidentes da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp): Alfonso Villares, Secundino García e María Barral.

 

Tras subliñar a importancia que ten o desenvolvemento urbanístico para o progreso dos concellos e o propio benestar da súa veciñanza, a conselleira avogou por unir esforzos entre as distintas administracións públicas e os principais sectores profesionais vencellados ao sector para seguir avanzando cara a un “urbanismo responsable”.

 

O obxectivo principal da fronte común liderada por Galicia, segundo explicou, é reclamar ao Goberno central as medidas necesarias para solucionar os problemas que se derivan da anulación dun instrumento de ordenación municipal e, máis concretamente, que impulse unha reforma lexislativa a nivel estatal para evitar a nulidade radical dos PXOM cando incorran en vicios de procedemento facilmente subsanables.

 

Polo momento, Ángeles Vázquez confirmou que 15 gobernos autonómicos —ademais de Galicia, os de Asturias, Baleares, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Castela e León, Madrid, Murcia, Estremadura, Andalucía, Valencia, Ceuta e Melilla— asinaron xa o chamado Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, un documento consensuado no marco do Encontro autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable que se celebrou en Santiago de Compostela a finais do pasado mes de marzo.

 

Ademais, esta semana tamén se sumaron ao manifesto o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Asociación de Arquitectos Urbanistas, dous colectivos de gran relevancia no eido do urbanismo e aos que, segundo avanzou a conselleira, pronto poderían sumarse outros organismos como o Consello Superior de Arquitectos de España ou as asociacións máis representativas dos enxeñeiros, avogados, notarios e rexistradores.

 
Tramitación desde cero e mobilización de recursos públicos

No referido manifesto, as rexións e colectivos que reclaman unha Lei estatal pola seguridade xurídica do planeamento urbanístico e territorial coinciden en lamentar que cando un plan xeral queda anulado pola Xustiza, os concellos teñen que comezar a tramitación desde o principio, o que supón botar por terra anos de traballo e obriga á vez ás entidades locais a mobilizar de novo medios e recursos públicos para corrixir deficiencias que, en moitas ocasións, poderían resolverse con procedementos sinxelos.

 

Ademais, tendo en conta que cando se ditan este tipo de sentenzas o plan pode levar anos vixente, a nulidade ten tamén efectos moi prexudiciais sobre os investimentos e proxectos amparados baixo a ordenación que decae, ao quedar paralizados.

 

Toda esta situación, como explicou a conselleira, xera unha inseguridade xurídica crecente, tendo en conta que nos últimos anos as sentencias anulando PXOM por vicios formais que non afectan ao contido fundamental do documento creceron “de forma exponencial”.

 

A proposta autonómica dunha lei para garantir a seguridade xurídica neste eido, engadiu, permitiría resolver a incerteza que existe nestes casos, como xa sucede con outras decisións regulamentarias pero non con aquelas relacionadas co urbanismo.

 

Por iso e tras sinalar que Xunta e Fegamp “comparten a preocupación” por buscar solucións que eviten as consecuencias indesexables da anulación dun planeamento, Ángeles Vázquez amosouse convencida de que nese camiño atoparán o apoio do órgano de representación do municipalismo galego, defendendo a necesidade de fortalecer a cooperación entre administracións no eido da ordenación do territorio e contribuír a acadar un urbanismo responsable, dinámico e cunha tramitación unificada en todo o país.

Imaxes relacionadas