A Xunta destaca a importancia de traballar na prevención e tratamento das adiccións en menores para fomentar a inclusión social

O delegado territorial da Xunta en Lugo e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participaron na apertura das xornadas sobre Menores e adiccións organizadas por Alar Galicia

Lugo, 27 de abril de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou hoxe durante a inauguración das xornadas sobre Menores e adiccións organizadas por Alar Galicia que o Goberno galego “impulsa programas transversais nos que están involucradas diferentes Consellerías para fomentar a sensibilización, a prevención e a inclusión social dos colectivos con dificultades á hora de desenvolver unha vida normalizada”.

 

Nese sentido, referiuse a diferentes iniciativas nas que a Xunta colabora con entidades como Alar, entre as que destacou o programa de coaching a menores; as axudas para a contratación de mozos para a realización de servizos de interese social; as medidas de intervención integral con menores agresores de violencia de xénero e os plans dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero.

 

“Aínda que queda moito por facer estamos avanzando polo bo camiño”, dixo o delegado, quen puxo como exemplo “a importante actualización normativa que estamos a levar adiante en Galicia, onde o ano pasado modificamos a lei de prevención da violencia de xénero, incorporando a violencia dixital como outra forma de violencia de xénero”.

 

Prevención e intervención

Pola súa banda, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asegurou durante a súa intervención na mesa redonda que leva o mesmo título das xornadas que, ante os novos retos que están xurdindo a raíz do uso de internet e das TICs, sumadas ás adiccións a substancias (como o alcol, o tabaco ou as drogas), son fundamentais o labor de control, de prevención e de intervención.

 

Neste sentido, as limitacións xogan un papel chave á hora de evitar a introdución dos menores nas adiccións; do mesmo xeito que a prevención, que se leva a cabo principalmente nos ámbitos sanitario, educativo e social; e a intervención. Jacobo Rey incidiu de xeito especial na responsabilidade que teñen as familias á hora de levar a cabo estes tres procesos, xa que “a Administración por si soa non vai solucionar” un problema tan complexo e con tantas arestas. “A familia”, asegurou, “é o piar fundamental” sobre o que se asenta o comportamento dos menores, ao servir de modelo para os fillos, tal como demostran diferentes estudos. Por iso, é importante dotar á contorna familiar de ferramentas para facer fronte a este reto.

 

As xornadas desenvólvense na Delegación Territorial da Xunta e continúan mañá e o venres. Inclúen seis mesas redondas e intervirán ata 17 relatores entre os que figuran psiquiatras, psicólogos e expertos en saúde mental, así como policías e economistas. Entre outros, participará o xuíz José Antonio Vázquez Taín.

Imaxes relacionadas