A Xunta reforza o equipamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilanova de Arousa cun remolque de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou que esta entrega forma parte das axudas de 1M€ destinadas o ano pasado a material para estas agrupacións

O investimento do Goberno galego nos últimos anos en equipamento cedido aos servizos de emerxencias dos concellos galegos supera os 21M€, dos que 14M€ corresponden a equipamento cedido as agrupacións de Protección Civil

A AVPC de Vilanova de Arousa recibiu un apoio de máis de 157.800 euros da Xunta para o mantemento da súa actividade

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega esta mañá en Vilanova de Arousa dun remolque de emerxencias para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do concello.   

Esta achega forma parte da orde de axudas da Xunta do ano pasado destinada a material para as Agrupacións de voluntarios de Protección Civil, cun importe de 1M€. A través desta liña tamén se cederon 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas, ademais de 6 remolques de emerxencias, entre eles o entregado hoxe en Vilanova de Arousa.

Xunto con este investimento da convocatoria de 2021, a Xunta leva investidos nos últimos anos 14 millóns de euros na dotación do material necesario a estas agrupacións, ademais doutros. En total, a Administración autonómica ten destinado 18 millóns de euros a este colectivo, tanto no reforzo do seu equipamento deste colectivo como outros 4 millóns de euros en apoio ao mantemento da súa actividade. 

De feito, este ano o Goberno galego mantén os 340.000 euros anuais reservados aos gastos de funcionamento das AVPC. En concreto, para colaborar na adquisición de uniformes, equipos de prevención e protección ou material informático e de comunicacións, así como nos custos de actuación ou formación dos efectivos e o pago de seguros e os gastos derivados do mantemento, transporte ou conservación e alugamento da base e medios de intervención.

No caso da AVPC de Vilanova de Arousa o investimento acada os 157.830 euros, entre os 30.509 euros de achegas anuais para o mantemento da agrupación e os 127.321 euros en equipamento cedido ao concello. Ademais do remolque de emerxencias entregado hoxe, a Xunta tamén ten entregado nos últimos anos outro remolque con toldo, un vehículo todoterreo e outro tipo pick-up, un furgón de emerxencias, unha embarcación e terminais tetra con GPS.

A Xunta realizou un importante en esforzo en dotar de equipamentos aos servizos de emerxencias da comunidade. Así, aos 14 millóns de euros para a compra de material das AVPC súmanse outros 7 millóns para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), o que supón un total de máis de 21 millóns de euros. Ademais, no caso dos GES, o Goberno galego asume máis da metade do seu custo anual de funcionamento.

Santiago Villanueva destacou o importante papel dos voluntarios de Protección Civil en apoio aos servizos de emerxencias, tanto nas tarefas de prevención como nas intervencións porque en moitas ocasións son os primeiros en chegar ao lugar dos feitos. Por iso, incidiu na  importancia que poidan contar co equipamento necesario para velar pola seguridade dos cidadáns, o que permite atender ás incidencias con maior eficacia e eficiencia.

Imaxes relacionadas