Abre o prazo para que os centros escolares implanten Polos Creativos, con máis de 23.000 unidades de equipamento e mobiliario á súa disposición

Esta iniciativa, que nunha primeira fase poderá chegar a 220 centros, suporá un salto cualitativo no fomento das competencias dixitais do alumnado no ensino público

A Consellería de Educación inviste 8M€ na dotación destes espazos, que contarán con equipamento especializado de audiovisual, fotografía, electrónica e robótica, tecnoloxía, fabricación e construción e informática

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que os centros escolares públicos de Galicia soliciten a implantación de Polos Creativos no seu proxecto educativo, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro da Estratexia Educación Dixital 2030 e que conta cun orzamento de 8M€ a través do cal poñe á súa disposición máis de 23.000 unidades de material especializado entre equipamento e mobiliario.

 

Tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia de hoxe, nesta primeira convocatoria poderán incorporarse ata un total de 220 centros  de Primaria, ESO e Bacharelato a este programa de innovación educativa que busca consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público.

 

O obxectivo principal é promover a adquisición de competencias e coñecementos tecnolóxicos entre o alumnado apostando polo fomento de capacidades como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o traballo en equipo, a creatividade ou a capacidade analítica, todos eles elementos académicos clave nun mundo cada vez máis dixitalizado e interconectado.

 
Espazos de innovación educativa

Os Polos Creativos configúranse como espazos físicos específicos concibidos como lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.

 

Estes espazos terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

 
Equipamento específico

Para abordar todos estes ámbitos desde o punto de vista académico, a Consellería de Educación dotará os Polos Creativos dunha serie de equipamento específico como mobiliario (mesas abatibles e portátiles, mesas poligonais para o traballo en grupo, cadeiras con rodas, asentos modulares, gradas, bancos de traballo e carros de carga entre outros); material audiovisual de fotografía e de realidade virtual (cámaras e vídeo, trípodes, sistemas de gravación de audio e radio, soportes para tabletas, cromas, equipamento e iluminación ou gafas de realidade virtual) e de electrónica e robótica (kits básicos e avanzados segundo as idades, robots probramables, placas tipo microbit e RasberryPi, sensores, domótica, circuitos de papel, kits de simulación de teclado e rato...).

 

Tamén disporán de elementos de tecnoloxía (ferramenta manual, sistemas de aspiración, placas de indución, pistolas de aire quente e de pegamento termofusible, lixadoras ou caladoras entre outros); de fabricación construción e téxtil (plotters de corte, plastificadoras, máquinas de chapas, impresión 3D, xogos de construción....) e de informática (monitores, ordenadores, taboleiros interactivos, impresoras multifunción, escaner 3CD...).

 

Ademais, estes espazos estarán abertos ás comunidades locais para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas no conxunto da cidadanía. Nesta liña, está previsto ofrecer actividades formativas para os diversos colectivos, ao tempo que traballar de xeito conxunto entre docentes, alumnos e familias en proxectos de resolución de problemas.

 

Acompañamento e formación do profesorado

Para adherirse a esta iniciativa -cuxo prazo permanecerá aberto de forma indefinida- os centros deberán presentar unha breve descrición do proxecto a desenvolver nun horizonte temporal de dous anos, cunha proposta de organización de actividades e un análise DAFO (debilidades, fortalezas, oportunidade e ameazas) así como unha valoración de necesidades de equipamento.

 

Para isto os centros van contar co apoio e asesoramento por parte da Consellería e, ademais, os centros de formación do profesorado contarán cun Polo Creativo Demostrador e realizarán accións formativas de información, difusión e acompañamento.

 

Os Polos Creativos serán xestionados por un equipo dinamizador que contará cunha persoa coordinadora que desenvolverá a súa función en estreita colaboración co equipo directivo.

 

Estes polos son a evolución dos Espazos Maker implantados inicialmente como experiencia piloto en 20 centros, polo que os que xa contan con este programa considéranse integrados nos Polos Creativos e unicamente terán que presentar unha proposta de ampliación.

Imaxes relacionadas