Trenor visita en Abegondo o autobús de Coidados porta a porta que leva os servizos especializados para maiores a máis de 100.000 galegos

 Deste servizo estanse a beneficiar as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto

A Administración autonómica seguirá traballando para avanzar cara á igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan, reducindo ao mínimo as diferenzas de accesibilidade aos servizos públicos en toda a xeografía galega

Abegondo (A Coruña), 27 de abril de 2022.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e polos alcaldes de Oza Cesuras, Pablo González e do rexedor de Coirós, Francisco Quintela, visitaron esta mañá o autobús de Coidados porta a porta, que está percorrendo todos os concellos de Galicia -agás as sete cidades- para levar servizos especializados de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á porta da casa de máis de 100.000 galegos.

O delegado da Xunta lembrou que “oito autobuses están percorrendo a xeografía permanecendo entre tres e catro días en cada concello, de xeito que, en lugar de desprazarse o veciño ata o servizo, será o servizo quen se achegue” , ao tempo que precisou que deste servizo poderán beneficiarse todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto.

 

Logo de destacar que esta iniciativa conta cunha achega entre 2022 e 2023 de preto de 10 millóns de euros, Trenor quixo agradecer a colaboración de todos os concellos así como de Afalu, a entidade social que xestionará este servizo, xunto cunha compañía de unidades móbiles.

 

A Administración autonómica seguirá traballando para avanzar cara á igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan, reducindo ao mínimo as diferenzas de accesibilidade aos servizos públicos en toda a xeografía galega.

 

“O rural crece a través de medidas que melloren a vida dos veciños”, dixo, incidindo en que apostar polo rural é a mellor política demográfica e a base dunha economía sustentable.

 

Nesta liña, reiterou o compromiso cun rural no que a xente poida vivir e do que a xente poida vivir, recordando, por exemplo: a aposta pola profesionalización dos produtores e pola industria agroalimentaria; a racionalización da estrutura agraria; e o aproveitamento sustentable do monte, a través dun plan forestal. 

 

Consulta aquí toda a información sobre os servizos e os horarios dos autobuses que estarán na comarca da Coruña durante as vindeiras semanas:

 

Imaxes relacionadas