A Xunta e o Concello de Meis asinan o protocolo que permitirá construír un novo centro de saúde de case 1.000 m2 nesta vila

O Sergas acepta a localización proposta polo Concello no núcleo de Mosteiro, a carón da avenida Médico Paz García ao cumprir o requisito de superficie

A construción do novo centro permitirá contar en Meis con espazos non existentes na infraestrutura actual como a sala polivalente ou as áreas pediátrica e da muller

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración entre ambas administracións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Meis. Na sinatura estiveron acompañados pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez e polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez.

 

O novo centro de saúde de Meis figura na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Dada a coincidencia na prioridade do investimento, Xunta e Concello mantiveron ao longo dos últimos meses varias xuntanzas para avaliar aquelas propostas trasladadas polo Concello.

 

A Xunta aceptou, logo de supervisión técnica, a proposta priorizada polo goberno local de Meis dunha parcela situada no núcleo de Mosteiro e a carón da avenida Médico Paz García, no entorno da denominada Casa de Parga. A parcela cumpría co requisito solicitado pola Xunta ao concello desde a carta remitida polo conselleiro en novembro de 2021 trala aprobación do Plan de Infraestruturas: unha edificabilidade de 972 m2.

 

Esta edificabilidade será a que permita dar cabida ao plan funcional aprobado para o novo centro de saúde de Meis, que contempla 6 consultas de adultos, 1 sala polivalente, 1 de toma de mostras; área pediátrica con 2 consultas e área da muller con 1 consulta de matrona e sala de educación sanitaria. Isto supón contar con espazos non existentes na infraestrutura actual como a sala polivalente ou as áreas pediátrica e da muller.

 

O protocolo asinado expresa o compromiso da Xunta de construír o novo centro en canto a referida parcela sexa posta a disposición do Sergas. Ao abeiro deste acordo, o Concello debe agora iniciar o proceso de adquisición deste terreo, así como os trámites urbanísticos pertinentes que permitan a cesión da parcela libre de cargas e gravames e coa cualificación urbanística axeitada para acometer a obra prevista.

 
 

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Pontevedra

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Ribadavia e O Porriño) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e da ampliación do centro de saúde do Porriño.

 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Vilanova de Arousa, Agolada, Cuntis, Cambados, Covelo, Mondariz-Balneario, Campo Lameiro, Fornelos de Montes ou Rodeiro.

 

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Pontevedra, prevé construír 13 novos centros de saúde, nos concellos de Vilagarcía de Arousa (licitada a redacción do proxecto o 29 de marzo de 2022) , Soutomaior (no que se está a tramitar o convenio de cesión dos terreos despois da sinatura do protocolo previo co que o goberno local iniciou a adquisición das parcelas necesarias), Vigo (o CIS Olimpia Valencia, coa licitación da obra xa autorizada polo Consello da Xunta), Moaña (co proxecto xa elaborado e á espera da cesión de parcela para poder licitar a obra), Caldas de Reis, O Grove, Poio, Barro, Meis, Ponteareas e Mos, así como reformar e ampliar os centros de Moraña (onde xa se asinou o protocolo para dar cobertura urbanística á ampliación) e O Rosal e crear dous novos centros integrais de saúde en Cangas do Morrazo e A Guarda.

Imaxes relacionadas