A Xunta informa ás pemes lucenses das distintas liñas de apoio habilitadas para reforzar a competitividade empresarial no actual contexto económico

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou por vía telemática nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre os fondos europeos Next Generation na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri

No encontro explicou os diferentes programas de apoio do organismo que dirixe para este ano, centrados na innovación, o emprendemento, o financiamento e a internacionalización

No tocante ao financiamento, pon en valor a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións, entre as que se encontran as estacións de servizo

Destaca que o Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros
 

Lugo, 27 de abril de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe, de modo telemático, nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. Na súa intervención, na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri, ofreceu ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

 

“Desde a Xunta vimos traballando, de xeito coordinado, co noso tecido produtivo na procura de facer fronte a unha situación económica que está dificultando a actividade da industria produtiva”, salientou Guldrís, quen avogou pola transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas.

 

Neste marco, o director do Igape, que sinalou que nas vindeiras semanas se manterán encontros similares organizados coas confederacións empresariais das restantes provincias, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas á dixitalización que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por importe superior a 1 millón de euros.

 

Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros.

 

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

 

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, -con tres sedes na provincia lucense: A Mariña (Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos) e Palas de Rei, vinculado ao Camiño de Santiago- que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 130 proxectos impulsados na provincia de Lugo.

 

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.

 

Fábrica de fibras téxtiles

Neste contexto, tanto os representantes da CEL como o propio director do Igape destacaron o efecto tractor que podería ter o complexo de fibras téxtiles que Altri anunciou onte mesmo para Palas de Rei, cun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos.

 

Neste escenario, púxose en valor a importancia dos fondos europeos Next Generation, que supoñen unha oportunidade para facilitar a transformación económica e social do tecido produtivo galego. A Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante estes fondos, que se canalizan en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte).

 

Entre os Perte xa en marcha, destaca a importancia do centrado no Vehículo Eléctrico e Conectado; o Perte da Saúde de Vangarda; o de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento; e o da cadea Agroalimentaria Intelixente e Sostenible. Todos eles xa aprobados polo Goberno central e no marco dos cales Galicia aspira a impulsar diferentes proxectos transformadores da industria que contribúan, tamén, ao impulso tecnolóxico das pemes da comunidade.