Fernández-Tapias lamenta a negativa do Concello a celebrar en Vigo un dos grandes concertos do Xacobeo 21-22

 

A delegada territorial da Xunta alerta de que a actuación do grupo británico Muse non poderá ser na cidade ante a oposición do alcalde vigués

Adianta que a programación do Xacobeo incluirá un festival con tres días de actuacións no Peirao de Transatlánticos

Vigo, 27 de abril de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lamentou este mércores a negativa do Concello a que a cidade acolla un dos grandes concertos da programación do Xacobeo 21-22. A oposición pública do alcalde a colaborar coa Administración autonómica para que o estadio municipal de Balaídos -tampouco o Auditorio de Castrelos- sexa o escenario provoca que Vigo perda unha das actuacións máis importantes do verán.

“Necesitariamos o recinto de maior capacidade da cidade. En mans do alcalde estaba aceptar a proposta para que fora en Vigo ou, pola contra, manter a súa estratexia de boicot. O seu veto, por desgraza, provoca que perdamos o concerto”, apuntou.

A representante autonómica explicou que a Xunta de Galicia xa tiña pechado un acordo coa produtora dos británicos Muse, pero a oposición municipal fai inviable a actuación. A grupo de Devon, unha das bandas máis importantes do mundo e cun dos mellores directos da historia do rock, xa tiña acordada a su presenza en Vigo para que a cidade entrara no Simulation Theory World Tour.

O trío británico unicamente ten ata o momento dúas datas programadas en España: o 25 de xuño en Calviá, no Mallorca Live Festival, e o26 de xullo no Estadio Wanda Metropolitano de Madrid.

Veto do Concello

A delegada engadiu que no resto das cidades galegas, os concellos “van da man coa Xunta, algo normal en calquera institución e o lóxico que tamén tería que pasar en Vigo, pero aquí directamente os concertos do Xacobeo foron vetados”.

“A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, ofreceuse desde o minuto 1 a falar coa Xunta para chegar a un acordo e o resultado é que Rosalía actuará no Coliseum nun concerto patrocinado polo Concello, a través do Consorcio de Turismo, e a Xunta, a través do Xacobeo. Mentres, en Vigo a estratexia é bloquear calquera actuación do Executivo autonómico para despois dicir que non inviste”, destacou Fernández-Tapias.

Peirao de Transatlánticos

Ante a negativa á proposta da Xunta para o grande concerto do Xacobeo en Vigo, a delegada adiantou que xa está decidida unha nova localización na cidade para outras actuacións. “Os vigueses non se van a quedar sen concertos”, apuntou.

Marta Fernández-Tapias indicou que xa está decidido que o Peirao de Transatlánticos do Porto de Vigo acolla un festival de música o vindeiro verán. Nas próximas horas irase desvelando o cartel que actuará durante tres días no centro da cidade.