A Xunta e o Concello das Neves avaliarán a implementación dun polígono de viñedo e planta ornamental no marco do proxecto europeo Forvalue

Este instrumento ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria púxose sobre a mesa mentres se está a avanzar na execución da aldea modelo da Porteliña tamén neste municipio, cunha superficie de 34,57 hectáreas

No encontro tamén se falou doutros temas de interese para os veciños das Neves, como da mellora de infraestruturas rurais
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

A Xunta e o Concello das Neves avaliarán a posibilidade de implementar un polígono agroforestal destinado ao viñedo e á planta ornamental no marco do proxecto europeo Forvalue, unha iniciativa transfronteiriza que busca xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios forestais. Así o trataron hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, nun encontro que mantiveron por videoconferencia. 

Ao polígono que se puxo sobre a mesa, que se levaría a cabo ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, poderían sumarse aínda outras iniciativas de posta en valor de terreos en estado de desuso ou infrautilización, tendo en conta -segundo o rexedor- o interese xerado, principalmente, arredor da plantación de vide no municipio.

Así mesmo, cabe recordar que actualmente estanse a recoller as sinaturas precisas para poñer en marcha, tamén nas Neves, a aldea modelo da Porteliña, cunha superficie de 34,57 hectáreas que implica unhas 819 parcelas duns 359 propietarios. Un proceso que arrancou tras o encontro que mantivo o pasado mes de febreiro o subdirector de Mobilidade de Terras con veciños da zona.  

Na xuntanza, o alcalde enmarcou as diversas propostas sobre a mesa para a recuperación da terra no interese do Concello das Neves por rexenerar o territorio tras os lumes rexistrados en 2017. A maiores, a directora xeral e o rexedor trataron outras cuestións de relevancia para esta localidade pontevedresa, como a posibilidade de mellora de distintas infraestruturas rurais.

Forvalue

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, o proxecto Forvalue constitúe un marco de colaboración transfronteiriza, co gallo de compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios.

 

Nesa dirección, búscase promover modelos de xestión innovadores que xeren actividade económica a partir da biomasa producida, fomentar a implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal na área de cooperación e favorecer a coordinación transfronteiriza na planificación e xestión do espazo forestal en materia de valorización e resiliencia a través do uso de novas tecnoloxías.

 

Ademais da Xunta, no Forvalue participan a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Forestal de Galicia, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Forestis - Associação Florestal de Portugal e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. O proxecto conta ademais co apoio e colaboración das autoridades locais da área de cooperación: As Neves, Arbo, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Carballeda de Avia, no caso de Galicia, e Monçao en Portugal.