Santiago acollerá este ano a concentración internacional de policías motoristas con motivo do Xacobeo 21-22

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, mantiveron esta mañá unha reunión sobre este evento con representantes da Asociación Internacional de Policía (IPA) en Galicia

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, reuníronse hoxe con representantes da delegación da Asociación Internacional de Policía (IPA) en Galicia para abordar a organización da Concentración Internacional anual de Policías Motoristas que este ano se celebrará do 9 ao 11 de xuño con motivo do Xacobeo 21-22.

 

Nesta concentración participarán uns 200 axentes dos distintos corpos e forzas de seguridade -Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local e Garda Civil- de toda España e Portugal que peregrinarán neste Ano Santo en moto a Santiago no marco dun programa de actividades lúdicas e culturais co obxectivo de fomentar a convivencia. Chegarán o día 11 a Santiago de Compostela para realizar a ofrenda ao Apóstolo e tamén visitarán Sada, Cambre, A Coruña e Cerceda.

 

A Xunta apoia este evento que ademais, como sinalou o director xeral de Emerxencias e Interior, permite tamén dar a coñecer o turismo e a gastronomía de Galicia, en concreto, a cidade de Santiago como meta de todos os Camiños, onde están a chegar cada día milleiros de peregrinos neste Xacobeo con cifras récord no que vai de ano.   

Imaxes relacionadas