A Xunta aposta pola formación laboral para o sector de hostalería co obradoiro de emprego ‘A Lanzada IV’ no Concello do Grove

O delegado territorial, Luis López, visitou as actividades dos módulos de Operacións Básicas de Cociña e Servizo de Restaurante e Bar, que preparan a vinte persoas desempregadas ata xullo

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 347.000 € nesta iniciativa laboral de nove meses, que ten formato dual e recolle a posibilidade de facer prácticas ao seu remate

O Grove, 26 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a apostar pola formación laboral para o sector de hostalería co desenvolvemento do obradoiro de emprego dual A Lanzada IV no Concello do Grove cun investimento de case 347.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, e pola tenente de alcalde do Grove, Ángeles Domínguez, visitou este mediodía no Centro Vacacional da Lanzada as actividades desta iniciativa laboral, que están distribuídas nos módulos de Operacións Básicas de Cociña e Servizo de Restaurante e Bar e que preparan a vinte persoas desempregadas ata mediados do vindeiro mes de xullo.

“Os alumnos deste obradoiro teñen grandes opcións profesionais, xa que a hostalería é un sector con moita saída, especialmente no Salnés pola súa forza turística, e dende a Xunta temos que estar a carón desta oportunidade, algo que facemos investindo nesta iniciativa do Grove e, nesta mesma bisbarra, noutras similares desenvolvidas polo Concello de Vilanova e a Mancomunidade do Salnés para formar a preto de 60 traballadores para este ámbito”, sinalou o representante autonómico, que cifrou en máis dun millón de euros os fondos que destina a Xunta este ano a formación de profesionais da hostalería na comarca arousana.

O obradoiro de emprego A Lanzada IV arrancou o pasado mes de outubro e ten unha duración de nove meses con formato dual, polo que, os seus alumnos, que recibirán unha remuneración durante este espazo de tempo, tamén poderán facer prácticas en empresas da contorna ao seu remate.

Ademais, durante o seu desenvolvemento están a realizar tres proxectos de carácter social, como son a subministración de menús para un comedor para xente sen recursos ou en risco de exclusión xestionado por Cáritas e a parroquia do Grove, a elaboración de almorzos saudables para os alumnos dos colexios públicos do municipio e a realización dun proxecto de investigación gastronómica para o aproveitamento de produtos mariños de escaso valor comercial.

Finalmente, Luis López destacou o traballo que está a realizar a Xunta de Galicia a prol da formación, a inserción e o emprego na comarca do Salnés, xa que actualmente ten en marcha cinco obradoiros de emprego –tres deles de hostalería– cun investimento de 1,75 millóns de euros, un Programa Integrado de Emprego cun cento de participantes e 47 cursos AFD de formación para desempregados –ata 700– impartidos por empresas ou entidades homologadas. En total, a Consellería de Emprego e Igualdade está a formar e preparar a 900 persoas da comarca arousana cun orzamento total de 3,6 millóns de euros para este exercicio.

Imaxes relacionadas