A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe no CIS Tecnoloxía e Deseño o taller educativo “Explorando os mundos virtuais”

Martina Aneiros destaca a implicación da Xunta para incentivar o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado

Un total de 50 alumnos do IES Sofía Casanova participaron na actividade coa que a Axencia Galega de Innovación aproxima a creación de contido de realidade aumentada e realidade virtual aos estudantes

Un millar de rapaces de diferentes centros educativos participaron nos últimos dous anos nos talleres do programa D’Tec

Ferrol, 26 de abril de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o CIS Tecnoloxía e Deseño no que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) imparte obradoiros de fomento das vocacións tecnolóxicas para o alumnado de centros educativos.

 

A este respecto a delegada territorial lembrou a necesidade de “formar e atraer talento cara un sector de gran potencial” como o tecnolóxico e destacou “a implicación do Goberno galego á hora de impulsar a vocación científica desde as idades máis temperás”.

 

Un total de 50 alumnos do IES Sofía Casanova participaron, divididos en dous grupos, no taller “Explorando os mundo virtuais”, o primeiro dos cinco obradoiros D’Tec que se van celebrar este ano no CIS orientados á Educación Secundaria. A proposta ten como finalidade achegar á mocidade a actividade que desenvolve o centro situado na Cabana e aproximala á creación de contido de realidade aumentada (AR) e realidade virtual (VR). Para iso os escolares tiveron a oportunidade de crear contido de realidade virtual que despois puideron recrear a través de diferentes dispositivos.

 

Este é un dos talleres educativos D’Tec para grupos centrados en temáticas ligadas á actividade do CIS Tecnoloxía e Deseño e nos que participaron máis dun milleiro de rapaces de diferentes centros educativos nos últimos dous cursos. Ademais dos talleres, o programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas da GAIN inclúe a celebración de espectáculos científicos D’Tec de 60 minutos de duración e orientados a alumnos de Educación Primaria e Secundaria, dos que o pasado ano gozaron 430 estudantes.

No período 2019-2021, o CIS Tecnoloxía e Deseño levou a cabo actividades orientadas ao fomento das vocacións STEM nas que participaron máis de 3.500 estudantes de 112 centros educativos de toda Galicia.

Imaxes relacionadas