A Xunta renova o seu compromiso coa prevención, información e asesoramento á cidadanía sobre o xogo responsable

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva asinou hoxe convenios de colaboración coa Asociación de Ludópatas en Rehabilitación e coa Asociación Galega de Xogadores Anónimos

O obxectivo é apoiar estas organizacións para que continúen coa prestación de atención especializada ás persoas que padecen ludopatías e problemas derivados da adicción ao xogo
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a colaboración do Goberno galego coas asociacións que tratan os problemas derivados de condutas adictivas relacionadas co xogo, ás que trasladou o compromiso da Xunta coa prevención, información e asesoramento á cidadanía sobre o xogo responsable.

 

Así o asegurou durante a sinatura de dous convenios de colaboración con representantes da Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) e da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA), ás que a Xunta apoia con 5.000 euros a cada unha para accións de prevención, promoción, divulgación, información e asesoramento en materia de xogo responsable.

 

Ambas organizacións ocúpanse de ofrecer atención especializada ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adicción ao xogo, así como realizar funcións de información, orientación e sensibilización sobre este tema ao conxunto da sociedade.

 

A Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) ofrece ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivadas da adicción ao xogo atención médica e psicoterapéutica, asesoramento xurídico e os apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados. Ademais, traballa na detección das persoas afectadas por este problema para levar a cabo actuacións preventivas e de sensibilización que axuden á súa comprensión social.

 

Por outra banda, a Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) desenvolve actividades terapéuticas para a recuperación de persoas ou colectivos con trastornos de conduta ou control derivados dos xogos do azar ou semellantes, xunto con medidas para apoiar a súa reinserción social e a do seu entorno máis próximo. Tamén leva a cabo iniciativas de sensibilización á sociedade en xeral, e sobre todo nos ámbitos familiar, escolar e laboral, sobre os riscos que os xogos de azar supoñen ao xogador habitual e os seus familiares.

Imaxes relacionadas