O conselleiro do Medio Rural reuniuse por videoconferencia co secretario general de Agricultura y Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA)

A Xunta e o Goberno central avanzan na súa colaboración a prol da sustentabilidade da actividade agropecuaria na Limia

O encontro telemático serviu para constatar os progresos no proxecto de limpeza das canles de regadío e dos camiños paralelos desta bisbarra ourensá, que permitirán iniciar en breve a súa tramitación

O conselleiro solicitou o apoio do MAPA ao Plan Monterrei, de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense, e en xeral ao desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria

Grazas ás negociacións da Xunta, o Ministerio estudará a compatibilidade das axudas do Estado para o sector de vacún de carne con outras achegas que poderían convocar as autonomías e instará á UE a que flexibilice o Feader con este mesmo obxectivo

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

A Xunta e o Goberno central avanzan na súa colaboración para impulsar a sustentabilidade da actividade agropecuaria na comarca da Limia. Así se puxo de manifesto na xuntanza por videoconferencia mantida entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o secretario general de Agricultura y Alimentación do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Fernando Miranda.

 

No encontro, ambos puxeron en valor os progresos rexistrados no proxecto de limpeza das canles de regadío e dos camiños paralelos desta bisbarra ourensá, uns avances que permitirán iniciar en breve a súa tramitación. Neste sentido, o secretario general lembrou que a iniciativa ten a consideración de proxecto de interese xeral, consonte á lei de acompañamento dos presupostos xerais do Estado de 2022, o que supón darlle prioridade por parte do MAPA. Estas actuacións teñen un orzamento de 16 millóns de euros e centraranse en asegurar a drenaxe e o correcto funcionamento do sistema hídrico da comarca, algo esencial para garantir a sustentabilidade da súa actividade agropecuaria.

 

Plan Monterrei

Outro dos asuntos abordados neste encontro telemático foi o Plan Monterrei, centrado na recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. O conselleiro solicitou o apoio do Ministerio a esta iniciativa e Fernando Miranda amosoulle a súa boa disposición a cooperar. Engadiu ademais que comparte a filosofía das aldeas modelo e dos demais instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, nos que se fundamenta este proxecto, como elementos claves para dinamizar o territorio e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha anticipación activa diante dos incendios forestais.

En particular, a Xunta pide ao MAPA a asignación de dez millóns de euros dos fondos Next Generation para o desenvolvemento deste plan piloto, que se pretende estender logo a outras comarcas de Galicia. O investimento total previsto para esta iniciativa rolda os 32 millóns de euros.        

Vacún de carne

Por outra banda, grazas ás negociacións da Xunta, nesta xuntanza o secretario general comprometeuse a estudar a compatibilidade das axudas directas do plan de choque do Estado para o sector de vacún de carne con outras achegas que poderían convocar as comunidades autónomas. Neste sentido, Fernando Miranda trasladou tamén ao conselleiro a vontade do MAPA de reclamar á Unión Europea que permita mobilizar recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para pagar axudas directas a este eido produtivo.

 

Esta é unha demanda de Galicia, que instou ao Ministerio a que inicie as xestións oportunas diante das autoridades comunitarias para que estas autoricen facer uso dos fondos dispoñibles nos programas de desenvolvemento rural (PDR) existentes, co fin de brindar apoio aos sectores máis afectados, entre eles o de vacún de carne, tal e como se fixo no ano 2020 a causa da pandemia. Nesta liña, proponse utilizar recursos dos PDR que actualmente teñen unha menor execución, creando un fondo global de apoio diante desta crise que poida ser aproveitado por parte das diferentes comunidades autónomas para establecer liñas de achegas adicionais.

 

A maiores, neste encontro de traballo abordouse tamén o futuro proxecto de lei da Xunta de posta en marcha do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras, unha norma que está pendente da entrada en vigor do Real Decreto estatal polo que se establecen normas para a nutrición sostible nos solos agrarios.