O presidente da Xunta asistiu esta mañá á Xornada de exhibición dos Polos creativos

A Xunta investirá 8 M€ para a creación de 220 Polos creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica ou a intelixencia artificial

Feijóo precisa que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro

Afirma que estes novos polos se enmarcan noutras iniciativas en marcha como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e a Estratexia de Educación Dixital 2030

Felicita á comunidade educativa galega polos fitos acadados, como reducir o abandono escolar na última década -pasando do 25,8% no 2009 ao 8,1% en 2021-; “e, segundo o informe PISA, somos líderes en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura”, di

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 8 millóns de euros para a creación de 220 Polos creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica, a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a impresión 3D.

 

Durante a Xornada de exhibición dos Polos creativos, Feijóo precisou que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, que exercerán como epicentros da innovación educativa co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro.

 

“Estamos a falar de espazos abertos ás comunidades locais, no que haberá actividades que impliquen ao alumnado, profesorado, familias e ao conxunto da cidadanía da contorna”, abundou, avanzando que mañá mesmo sairá publicada a orde para que os centros poidan solicitar o seu propio polo.

 

Nesta liña, resaltou que á hora de seleccionar os centros, a Administración autonómica terá en conta a innovación didáctica e a calidade e viabilidade do proxecto, é dicir, que inclúa a presenza de profesorado de diferentes disciplinas e que fomente a participación da comunidade educativa, con actividades abertas á cidadanía. “E unha vez seleccionados, dotaráselles do mobiliario e do material preciso, tanto audiovisual como de electrónica e robótica, tecnolóxico ou de informática”, explicou.

 

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que os proxectos presentados nesta xornada son a proba do traballo realizado polos centros educativos nos últimos anos; así como do enorme talento, creatividade e capacidade de innovación do alumnado e do profesorado.

 

Non en van, estes novos polos enmárcanse noutras iniciativas en marcha como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que, cun investimento de máis de 190 millóns de euros, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas. E a Estratexia de Educación Dixital 2030 que, cun orzamento de 120 millóns de euros para os tres primeiros anos, conta con accións para desenvolver un ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionamento das competencias.

 

Logo de lembrar tamén que, na actualidade, un total de 55.000 alumnos de 547 centros educativos galegos xa usan na clase o libro dixital, grazas ao programa E-Dixital, o presidente da Xunta concluíu felicitando á comunidade educativa galega polos fitos acadados nos últimos anos. Así subliñou que Galicia logrou reducir o abandono escolar na última década ata acadar un mínimo histórico -pasando do 25,8% no 2009 ao 8,1% en 2021-. Ademais, é a comunidade máis inclusiva do Estado, con máis dun 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios; “e, segundo o informe PISA, somos líderes en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura”, concluíu.

Imaxes relacionadas