A Xunta crea a nova unidade da Consellería do Medio Rural que asumirá as funcións da axencia de control alimentario en Galicia para cumprir a Lei da cadea e frear a venda a perdas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se modifica a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural para crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais

O Goberno galego asume así as competencias de supervisión en materia de información e control alimentarios consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria, sen ter recibido do Estado os medios e os fondos necesarios para facelo

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se establece a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural para crear o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais.

 

Deste xeito, o Goberno galego asume as competencias de supervisión do cumprimento das obrigas en materia de información e control alimentarios, consonte ao establecido pola Lei da cadea alimentaria (de acordo coa súa modificación de decembro de 2021). Esta norma estatal prevé que as comunidades autónomas designen as autoridades encargadas de controlar o cumprimento da devandita lei nos seus territorios. Polo tanto, a Xunta asume, por responsabilidade, estas tarefas malia non ter recibido por parte do Estado os medios e os fondos necesarios para facelo. 

 

Ademais, en virtude deste decreto, modificarase a Relación de Postos de Traballo (RPT) para crear as correspondentes xefaturas de sección e de negociado dentro deste Servizo, incluíndo os técnicos provinciais, que serán os encargados dos labores de control sobre o terreo.

 

Este servizo de nova creación terá diferentes competencias, entre elas, de xeito destacado, a análise e estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea. Con base nisto, realizarán tamén as actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación.

 
Equilibrio e transparencia

Este novo Servizo, que se crea dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, terá entre os seus cometidos a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria, acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria e procurar o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción.

 

Ademais, centrarase en garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria e traballará na elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción, así como no desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA) e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control.

 

A posta en marcha desta nova unidade compleméntase co funcionamento do Observatorio da cadea alimentaria galega, que se vén de poñer en marcha. Fíxose mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia 2ª e as consellerías de Emprego e Igualdade, do Medio Rural e do Mar. Por medio deste acordo regúlase a colaboración entre estes departamentos da Xunta para a realización conxunta de actividades asociadas a este observatorio, que serán coordinadas pola Consellería do Medio Rural.

 
Enlace ao decreto no DOG:

Imaxes relacionadas