A Xunta destina 340.000 euros ás axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que regula estas subvencións, que se poderán solicitar no prazo dun mes a contar dende mañá

Estas axudas permiten aos consellos reguladores manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, que regula as axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para o ano 2022. O importe da convocatoria deste ano ascende aos 340.000 euros.

 

Poderán ser obxecto destas axudas as actuacións encamiñadas ao control da calidade e da orixe dos produtos das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas ou da agricultura ecolóxica. Tamén poderán recibir subvención os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador e para o seu mantemento.

 

A maiores, poderán subvencionarse gastos operativos e retributivos orixinados pola participación do persoal do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade, incluídas as nóminas e os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento destes traballadores.

 

Tamén se poderá recibir axuda para a adquisición ou alugueiro de bens de equipamento e materiais - incluídos os equipos e aplicacións informáticas- que se empreguen na execución dos programas de control, así como os gastos derivados da realización de análises de laboratorio e outros ensaios relacionados coa certificación do produto.

 

Por último, subvencionaranse os gastos derivados de recorrer a consultoría externa para acadar diversas acreditacións e os relativos a estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

 

Estas axudas permitirán aos consellos reguladores manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican, rigor que é clave para a reputación das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas e, en xeral, para a reputación do noso sistema de control da calidade. Estas subvencións, financiadas exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia, poden solicitarse no prazo dun mes a contar dende mañá.

 
Enlace á resolución no DOG: