A Xunta executa as obras dunha nova senda peonil na estrada PO-235, no concello da Lama

Estas actuacións supoñen un investimento autonómico de máis de 48.000 euros

O obxectivo é mellorar o tránsito peonil habilitando un itinerario na marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado

A Xunta leva investidos 1,7 M€ na mellora da estrada PO-235, entre Antas e Seixido, actuacións que se acometeron en dúas fases e á disposición dos veciños desde 2020

O Goberno galego tramita o proxecto da 3ª fase desta actuación, para acondicionar o treito da PO-235 entre os puntos 18+100 e 25+000

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

A Xunta comezou as obras de execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-235, ao seu paso polo concello da Lama.

 

As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L. por máis de 48.000 euros.

 

O obxectivo das intervencións é mellorar o tránsito peonil, para o que se está a habilitar un itinerario na marxe esquerda da estrada PO-235, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, un treito que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado.

 

A intervención prevé dúas solucións construtivas diferenciadas para a execución desta senda de 690 metros de lonxitude.

 

Nas zonas da senda onde a beiravía se atope pavimentada aplicarase un tratamento superficial con slurry asfáltico  coloreado, para diferenciar de xeito claro a zona de circulación peonil do resto da calzada. No resto das zonas, a senda executarase cun ancho de 1,8 metros, formada por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor  terrizo, á mesma cota que a da calzada adxacente.

 

Para desenvolver o novo itinerario peonil é necesario a construción de dous pequenos tramos de muro de perpiaños, entres os  puntos quilométricos 12+865 e PK 12+900, e entre os  puntos quilométricos 12+995 e 13+015.

 

Ademais, en ambos os tramos, e debido á existencia dun desnivel significativo na marxe da senda, colocarase unha varanda de protección lateral de forma que se eviten as caídas a distinto nivel.

 

Cómpre destacar que a Xunta leva investidos 1,7 M€ no acondicionamento da PO-235, entre Antas, no punto quilométrico 11+870, e Seixido, no quilómetro 18+000. Estas actuacións acometéronse en dúas fases e están á disposición dos veciños desde o ano 2020.

 

Ademais, o Goberno galego está a tramitar o proxecto da terceira fase da actuación, para acondicionar o treito entre os puntos quilométricos 18+100 e 25+000.