A Xunta impulsa o turismo náutico como modelo de promoción da Galicia litoral e dos camiños do mar

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente da Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga), Javier Ruíz de Cortázar, un convenio para a promoción e comercialización do turismo náutico

Alfonso Rueda destacou as potencialidades do turismo náutico galego, que medrou un 40% nos últimos dez anos e que lidera o turismo de calidade e sustentabilidade que tan bo resultado está a dar na comunidade autónoma
 

Porto do Son (A Coruña), 25 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá co presidente da Asociación de Náuticos de Galicia, Javier Ruíz de Cortázar, un convenio de colaboración para a promoción e comercialización do turismo náutico en Galicia, modelo polo que aposta o Goberno galego para a promoción da Galicia litoral e dos Camiños do Mar.

Alfonso Rueda destacou que se o turismo náutico xa era unha potencia antes da pandemia, cun incremento dun 40% no número de embarcacións nos últimos dez anos, agora o será aínda con máis pulo porque demostrou que se axusta ao modelo de turismo de calidade, seguro e sustentable que buscan os turistas do século XXI e que tan bos resultados está a dar na comunidade. “A Galicia agárdanlle grandes proezas no turismo náutico”, dixo o vicepresidente primeiro.

A Xunta leva feito nos últimos anos unha forte inversión na promoción do turismo náutico, sobre todo coa chegada do Xacobeo, e o seguirá facendo nos vindeiros da man dos fondos europeos e dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, nos que a náutica ten un papel destacado.

Nese obxectivo encadra o convenio asinado hoxe con Asnauga, entidade que traballa no impulso do turismo náutico e na promoción das peregrinacións marítimas. A raíz do acordo, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, aporta un total de 80.000 euros para a valorización do patrimonio cultural e náutico, tanto material como inmaterial, o desenvolvemento do turismo costeiro e a promoción internacional de Galicia como destino náutico e natural de costa.

O acordo permitirá consolidar a implantación de certificados de calidade, dixitalizar e aplicar novas tecnoloxías coa finalidade de mellorar a captación de novos turistas en Europa con destino a Galicia a través do turismo náutico, así como dispoñer de ferramentas dixitais que permitan unha mellor xestión dos seus recursos e das súas instalacións. Asnauga, ademais, comprométese a promocionar a rede de instalacións náutico deportivas dos Camiños do Mar e a formar ao persoal dos clubs náuticos en novas tecnoloxías e en xestión turística.

Alfonso Rueda puxe en valor o traballo feito por Asnauga na promoción das peregrinacións marítimas e destacou o impacto que para o turismo galego ten a Travesía Náutica Xacobea, unha iniciativa que este ano fará da ruta xacobea por mar unha singradura internacional que partirá do porto andaluz de Barbate para chegar a Galicia logo de atravesar Portugal e que está promovida por dita asociación en colaboración coa Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, e coa Junta de Andalucía.

Respecto desta peregrinación por mar que se vai realizar entre o 28 de maio e o 13 de xuño, Alfonso Rueda subliñou que, se ben habitualmente se asocia ao peregrino co camiñante, “o primeiro peregrino, o que lle dá sentido ao Xacobeo, segundo as lendas chegou a Galicia por mar: foi o Apóstolo Santiago, e as rutas marítimas son as que mellor rememoran ese itinerario histórico”.

O vicepresidente primeiro animou a todos os amantes da navegación a “aproveitar os ventos favorables” e a descubrir Galicia a través do mar “seguindo o ronsel do Apóstolo”.

Imaxes relacionadas