A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe a xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia, que aprobou este plan para os vindeiros 6 anos, no que o 58% das achegas foron incorporadas ao documento final

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa prevé un investimento de 1.885 M€ ata 2027 nun total de 212 medidas destinadas a afondar na mellora da calidade das augas nun contexto marcado polo cambio climático

Vázquez Mourelle salienta que o 80% das masas de auga da bacía están en bo estado e o obxectivo deste 3º ciclo de planificación hidrolóxica é acadar unha porcentaxe do 100%

Cifra en 973 M€ o investimento que o novo Plan destinará nos vindeiros 6 anos ao saneamento e a depuración, e en máis de 560 M€ o orzamento destinado a abastecemento

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- O  Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa prevé un investimento de 1.885 millón de euros ata 2027, nun total de 212 medidas destinadas a afondar na mellora da calidade das augas, nun contexto marcado polo cambio climático. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez aos integrantes do Consello Reitor de Augas de Galicia, na reunión mantida en Santiago para presentar e someter a aprobación o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027.

 

No encontro, Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou do detalle do novo Plan para os vindeiros 6 anos aos integrantes deste órgano colexiado, integrado por distintos departamentos da Xunta, da Administración Xeral do Estado, de entidades ecoloxistas, sindicatos, das entidades locais e usuarios.

 
 

A conselleira subliñou a experiencia acreditada da eficacia dos plans hidrolóxicos como marcos normativos e guías de actuación para progresar cara a unha xestión cada vez máis axeitada e respectuosa das augas.

 

Deste xeito, tal e como afirmou, a Demarcación Galicia-Costa chega a este 3º ciclo de planificación en mellores condicións do que estaba no 2015, tanto en relación co estado das rías e dos ríos como no nivel de implicación das administracións e de concienciación social. A ese respecto, concretou que o novo Plan indica que practicamente o 80% das masas de auga da bacía se atopan en bo estado, mellorando a situación de partida, e marcándose como obxectivo deste novo ciclo hidrolóxico lograr que o 100% das masas de auga de Galicia-Costa acaden o bo estado.

 

A conselleira precisou que detrás de cada punto de incremento da porcentaxe de augas en bo estado hai un inxente traballo e os resultados son un incentivo para continuar con ese esforzo, que, dixo, debe ser colectivo.

 

Con ese obxectivo, o Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrolóxica Galicia-Costa recolle un total de 212 medidas e un investimento global de 1.885 M€ que deben desenvolver as distintas administracións, tendo en conta os máis de 900 millóns de euros necesarios para garantir o funcionamento das infraestruturas hidráulicas.

 

Ethel Vázquez apuntou que o maior peso deste investimento, pola súa incidencia determinante na calidade das augas, destinarase ao saneamento e á depuración, que absorberá 973 M€, sendo igualmente moi relevante o esforzo destinado ao abastecemento, con máis de 560 M€.

 

Destacou a participación maioritaria da Xunta neste plan, como demostran que polo menos 110 das 212 actuacións previstas conten con financiamento da administración autonómica, cun investimento de 605 M€. É dicir máis do 63% do total recollido.

 

Segundo subliñou a conselleira, xunto co esforzo en saneamento, depuración e abastecemento, no Plan recóllense iniciativas para a xestión do dominio público hidráulico e a rexeneración fluvial, para a prevención dos efectos do cambio climático e para afrontar fenómenos extremos.

 

Referiu, ademais, que o Plan Hidrolóxico permitirá mellorar a regulación das diferentes actividades, industriais, agrícolas, etc., para garantir o desenvolvemento compatible coa preservación dos valores naturais dos ríos, das rías, das augas subterráneas e dos ecosistemas.       

Ethel Vázquez fixo fincapé nas novidades que introduce o novo Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa, entre as que destacou a normativa orientada a procurar un emprego máis eficiente da auga, prohibindo, con carácter xeral, todo uso que supoña malgastala. Citou a promoción de campañas de concienciación social para evitar un uso abusivo da auga, especialmente nos regos, e a promoción do aforro.

 

Tamén subliñou como novidade que o plan recolla como segundo uso prioritario da auga, tras o abastecemento á poboación, o seu uso para unha transición enerxética xusta, para proxectos que estean afectados por peches de térmicas como é o caso das Pontes e de Meirama.

En palabras de Ethel Vázquez, trátase dun Plan completo e actualizado, que é ademais resultado dun importante esforzo de participación pública. De feito, o 58% das achegas recibidas foron parcial ou completamente incorporadas ao documento final.

 

Tal como indicou a conselleira, a aprobación do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027 por parte do Consello Reitor de Augas de Galicia é o primeiro paso cara á súa aprobación definitiva, sendo o paso previo para a súa elevación ao Consello da Xunta, que se agarda para o vindeiro mes de maio. Despois será remitido ao Consello Nacional da Auga. O obxectivo é que no verán o Plan poida ser elevado xa ao Consello de Ministros para que poida aprobarse a través dun Real Decreto e entrar en vigor tan pronto como sexa publicado.

Imaxes relacionadas