Martina Aneiros supervisa as obras de acondicionamento e mellora no CEIP de As Somozas no que a Xunta investiu preto de 100.000 euros

As melloras, levadas a cabo ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, consistiron na substitución das carpinterías exteriores do centro e a instalación dun salvaescaleiras para facilitar o acceso para as persoas con problemas de mobilidade

Froito dun acordo entre a Consellería e o Concello, a administración local encargouse do pintado exterior e interior do inmoble e a habilitación dun parque infantil
 

As Somozas (A Coruña), 25 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP O Marbán, en As Somozas, para comprobar co alcalde, Juan Alonso Tembrás, o resultado das obras de mellora do acondicionamento e a eficiencia enerxética levadas a cabo no centro educativo tras un acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello.

 

Durante a visita, na que tamén estiveron acompañados polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e a directora do centro, María Soledad Gómez, a delegada territorial recordou o compromiso da Xunta de Galicia co ensino e recalcou a importancia da colaboración entre administracións. “Teño que agradecer a boa disposición do Concello das Somozas para levar a cabo estas actuacións de forma conxunta e que son un exemplo máis de que cando as administracións públicas colaboran, os veciños son os que gañan”, indicou.

 

As actuacións que se levaron a cabo ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, executáronse en dúas anualidades. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade encargouse da substitución das carpinterías exteriores das instalacións educativas, actuación coa que se logrou unha mellora do illamento térmico e da eficiencia enerxética do inmoble. A intervención contou cun orzamento próximo aos 80.000 euros.

 

Ademais, atendendo a unha petición da comunidade educativa, a Consellería levou a cabo unha actuación de eliminación das barreiras arquitectónicas para facilitar o acceso ao centro dunha alumna con dificultades de mobilidade. Para elo procedeuse a instalación dun salvaescaleiras a principios deste curso que xa están en funcionamento. A inversión ascendeu a 18.375 euros.

 

Pola súa parte, a administración local encargouse do pintado tanto interior como exterior do centro, así como a habilitación dun novo espazo de 100 metros cadrados no recinto exterior como parque infantil do que ata o momento carecía o colexio. Instaláronse elementos de xogo e pavimento de caucho no pavimento.

 

Medio millar de actuacións

A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica o Goberno galego prevé realizar medio millar de actuacións ata 2023, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos.

 

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

 

Un dos seus eixes estruturais pasa por configurar nos centros espazos máis amplos e saudables, accesibles e inclusivos e dotados de mobiliario móbil e adaptado ás medidas de cada ciclo, abatible, amoreable e de fácil almacenamento.

 

 

Imaxes relacionadas