Hoxe remata o prazo para os 116 equipos da segunda fase do Plan de Patrocinio con maior orzamento da historia

O prazo máximo para a presentación das solicitudes comezou o pasado 19 de abril e remata hoxe, día 25, para as entidades con equipos que participan en competicións onde as súas xornadas se disputan só en 2022

Santiago, 25 de abril de 2022.- O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado día 18 de abril o anuncio da segunda fase do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia, tempada 2021/2022. Cómpre salientar que, por primeira vez, o plan adaptarase ao calendario de competición dos equipos galegos ao longo da tempada 2021-2022, en troques de obedecer ao exercicio anual. Deste xeito realizaranse dúas fases, a primeira botou a andar o pasado 30 de novembro de 2021 e ocupouse das entidades que contan con equipos que compiten en modalidades e especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior e ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolven entre 2021 e 2022. Esta segunda, cuxo prazo abriuse o pasado 19 de abril ata hoxe día 25, está destinada ás entidades con equipos que participan en competicións onde as súas xornadas se disputan só en 2022.

En total serán 116 os equipos invitados para esta segunda fase (43 femininos, 70 masculinos e 3 mixtos), que contará cun orzamento de máis dun millón de euros (1.021.693,75 euros) incrementando o presuposto previsto inicialmente. Este investimento da segunda fase, sumado á contía destinada á primeira fase do plan (2,5 millóns de euros) fan que esta décimo terceira edición do Plan sexa a que conte cun maior orzamento na historia do plan acadando os 3,5 millóns de euros e beneficiando a uns 238 equipos, segundo as estimacións da Fundación Deporte Galego.

Máis polo miúdo, as modalidades e especialidades representadas nesta segunda fase do plan serán atletismo (5); béisbol (5) e sófbol (3); bowling (1); ciclismo BTT-XCO (3) e estrada (12); ximnasia rítmica (1); halterofilia (10); loita libre olímpica (2); patinaxe de velocidade (3); pelota frontón curto (1); piragüismo caiac polo (4), slalom (6) e sprint (34); remo traíñas (2) tiro con arco recurvo (1); dúatlon (12) e tríatlon (11).

Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2021-2022, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego. O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

Plan de patrocinio 2021

En 2021 o Plan de Patrocinio Publicitario destinou 3.146.000€, que beneficiou a un total de 231 equipos en toda Galicia (foron invitados ao programa un total de 238) sendo 124 equipos masculinos, 101 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de patrocinados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2009-2010

Imaxes relacionadas