O presidente da Xunta pronunciou esta mañá o pregón da LIV Festa do Cocido de Lalín

Feijóo celebra que a unidade da sociedade galega se asemelle a unha familia "porque na súa mesa hai sitio para todos"

Enxalza a capacidade de unión e integración no seo da Comunidade: “será porque os galegos vivimos como comemos, sabemos que a mestura enriquece e que compartir multiplica”

Lalín (Pontevedra), 24 de abril de 2022

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, celebrou que a sociedade galega sexa como unha familia, entre outros motivos, “porque na súa mesa hai sitio para todos”.

 

Como encargado de dar lectura ao pregón da LIV Festa do Cocido de Lalín, o titular do Executivo autonómico enxalzou a unidade e a integración de Galicia. “Será porque os galegos vivimos como comemos: sabemos que a mestura enriquece e que compartir multiplica. Por iso nos coñecen e nos recoñecen con festas como esta, declarada de Interese Turístico Internacional”, abundou.

 

Feijóo tamén afirmou que é partidario de que os asuntos da política se “cozan a lume lento”, con sosego. “A olla común que tanta concordia trae ás nosas mesas non debería semellar imposible nos salóns da política”, engadiu.

 

E, nesa liña, subliñou a pluralidade da gastronomía en España e o potencial da galega. Así, asegurou que en todo o país hai cidadáns “namorados de Galicia porque, ademais de comer como se comería no Paraíso, atoparon unha mesa disposta e afable”.

 

Finalmente, o presidente da Xunta fixo referencia aos comendadores deste ano: o ex ministro José Blanco, a cantante Luz Casal, os empresarios Roberto Tojeiro, Carmen Lence e Melquíades Álvarez, e a xornalista Esther Estévez. “Quero agradecerlles o que fixeron, o que fan e o que farán por Galicia, é dicir, por Lalín”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta