A Xunta actualiza o 'manual de estilo' dos planeamentos urbanísticos para facilitar a súa tramitación e facelos máis accesibles

As Normas técnicas naceron en 2020 da necesidade dunha simplificación e homoxeneización destes instrumentos con obxectivos como a unificación do formato e dos documentos que os compoñen

Con esta modificación, que entra en vigor o martes, Galicia avanza e dá o paso definitivo cara a unha linguaxe urbanística universal e sitúase como a comunidade autónoma máis avanzada de España neste eido

Un total de 113 concellos galegos contan na actualidade cun PXOM adaptado á lei vixente, apoiados polos 41 M€ que concedeu a Xunta para facilitar o seu impulso
 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022

A Xunta impulsou unha actualización das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, consideradas o manual de estilo destes instrumentos, co fin de facilitar a súa tramitación e facelos máis accesibles a todos os galegos.

 

As Normas técnicas naceron en 2020 da necesidade dunha simplificación e homoxeneización dos plans xerais de ordenación municipal, os plans básicos ou os plans de centros históricos con varios obxectivos, como a unificación do formato, de xeito que en todos se empregue unha linguaxe universal de cores, tramas, etc., e dos documentos que os compoñen, permitindo así que todos se entendan por igual.

 

Así mesmo, conseguiuse facilitar a integración da información xeográfica urbanística no eido dixital; axilizar a elaboración, tramitación e coñecemento dos planeamentos; e posibilitar así un acceso sinxelo aos documentos a todos os axentes que participan na planificación do territorio —redactores, concellos, etc.— e ao público en xeral.

 

Froito da experiencia acumulada trala súa entrada en vigor, e co obxecto de facilitar o máximo posible o traballo de adaptación, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo decidiu abordar unha actualización.

 

As principais liñas en que se fundamenta a modificación proposta das Normas técnicas, para facilitar o proceso de traballo da Administración local e mais dos equipos redactores, son optimizar os códigos de cores e tramas dos instrumentos de planeamento, mellorando a súa lexibilidade e nitidez; ou eximir aos concellos de adaptar ao 100% os plans urbanísticos ás normas técnicas antes da parte final da tramitación.

 

Ademais, circunscríbese a obrigatoriedade de elaborar a ficha de antecedentes aos documentos de planeamento xeral —PXOM e plans básicos—, eximindo do mesmo e facilitando o traballo dos equipos redactores de menor tamaño —proxectos desenvolvidos por particulares e outros promotores—.

 

Tamén se contempla a adaptación ás Normas dos plans territoriais ou proxectos de interese autonómico que implican a modificación simultánea do planeamento urbanístico, o que deriva dunha maior seguridade xurídica destes documentos, pois este aspecto non estaba contemplado expresamente ata o de agora.

 

A modificación das Normas técnicas foi informada favorablemente pola Comisión Superior de Urbanismo o pasado 6 de abril e entra en vigor o martes, 26 de abril, ao día seguinte da súa publicación, mañá, no Diario Oficial de Galicia.

 

Deste xeito, Galicia avanza e dá o paso definitivo cara a unha linguaxe urbanística universal e sitúase na vangarda a nivel estatal, sendo a comunidade autónoma máis avanzada de España neste eido. Así mesmo, constata a accesibilidade, transparencia e seguridade xurídica dos instrumentos urbanísticos.

 

113 plans xerais adaptados á lei e 41 millóns de euros en axudas

Cómpre lembrar que un total de 113 concellos galegos contan na actualidade cun PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística vixente, ou o que é o mesmo, 1 millón de galegos viven xa ao abeiro dun Plan que lles garante un urbanismo seguro, equilibrado e ordenado conforme os criterios da actual lexislación.

 

Para a redacción dos seus plans xerais e outros planeamentos urbanísticos, a Xunta concedeu desde 2009 máis de 41 millóns de euros para outorgar un total de 302 axudas, aos que hai que sumar os 3,2 millóns de euros que reservan os orzamentos deste ano.

 

Por último, débese salientar que un total de 14 gobernos autonómicos, entre eles a Xunta de Galicia, asinaron xa o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, acordado e pechado no seo do Encontro autonómico Xacobeo 21-22 por un urbanismo responsable, celebrado en Santiago de Compostela a finais de marzo.

 

As comunidades autónomas sinalan a necesidade de adoptar medidas lexislativas para solucionar a problemática á que se enfrontan os concellos no momento no que se anulan os seus instrumentos de ordenación. Así, reclaman ao Goberno central o impulso dunha lei que ofreza seguridade xurídica aos planeamentos de todo o Estado.

Imaxes relacionadas