A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta, chega este luns a Santiago

Estará situada diante da oficina da Cruz Vermella —o luns, martes e venres— e na Cidade da Cultura —o mércores e xoves desta semana

Ofrecerá información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022 A unidade móbil de información para refuxiados ucraínos, impulsada pola Xunta de Galicia, chega este luns a Santiago. Pasará a vindeira semana na capital galega logo de iniciar o seu percorrido este mércores na Coruña. Durante os próximos tres meses achegará información, asesoramento e axuda á poboación ucraína situada nas sete cidades galegas e nas localidades que acollen un maior número de refuxiados.

 

En concreto, estará situada diante da oficina da Cruz Vermella, na avenida de Lugo —o luns, martes e venres—e diante da sala Einsemann, na Cidade da Cultura —o mércores e xoves desta semana. Esta unidade conta cunha intérprete e unha traballadora social que ofrecerán asesoramento sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición.

 

Entre outras cuestións axudaralles a ter información sobre como obter a documentación sanitaria que lle permita acceder ao sistema público de saúde, como escolarizar aos seus fillos nun dos centros da comunidade, como beneficiarse dunha das 1400 prazas de acollida que Galicia puxo a disposición do Goberno central e como acceder a cursos de formación en competencias lingüísticas para facilitar a súa inserción no emprego.

 

Páxina web

O Goberno galego, coa colaboración da Cruz Vermella, puxo en marcha esta iniciativa para atender ás persoas que chegaron á nosa Comunidade fuxindo da guerra en Ucraína. Ademais, creouse a páxina web ucraina.cruzvermella.gal, onde se pode consultar información e a localización actualizada desta oficina itinerante. Tamén se pode chamar ao teléfono e whatsapp 604 044 018.