A porcentaxe de participación nas probas da OPE do Sergas que se celebran hoxe supera o 85%

Silleda (Pontevedra), 23 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe ao inicio no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), das probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, para cubrir un total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario. En concreto, esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir 109 prazas. Neste inicio, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.

Dos 347 convocados para a mañá de hoxe, acudiron 296 opositores, o que supón unha porcetaxe do 85,3%. En concreto, da categoría de facultativo especialista da área de inmunoloxía estaban admitidos 10 e acudiron 8 (80%), na de cirurxía oral e maxilofacial os convocados eran 10 e acudiron 8, en oncoloxía radioterápica acudiron 18 dos 20 admitidos (90%), en cirurxía pediátrica 10 de 12 (83,3%), en cirurxía plástica 17 de 18 (94,4%) e na categoría de fontaneiros, 235 de 277 (84,4%).

En concreto, nesta xornada de mañá, estaban convocados os aspirantes a cubrir un total de 39 prazas, desagregadas nas categorías de fontaneiro (18) e facultativo de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial (3), cirurxía pediátrica (5), cirurxía plástica, estética e reparadora (5), inmunoloxía (2) e oncoloxía radioterápica (6).

O sábado, en xornada de tarde, están convocados os aspirantes a cubrir 21 prazas de persoal de costura. O número de aspirantes admitidos é de 398.

Mañá domingo, ás 10:00 horas, están convocados 175 aspirantes das categorías de pinche (168) e técnico en farmacia (7), para cubrir 49 prazas reservadas a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Coa realización destes exercicios inícianse as probas selectivas para cubrir 680 prazas de 24 categorías/especialidades de persoal estatutario, que se desenvolverán ao longo de seis xornadas de exame e que continuarán durante as fins de semana do 7, 8, 14 e 15 de maio próximos. Para esta OPE están inscritos preto de 13.000 aspirantes.

Imaxes relacionadas