O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa nos actos conmemorativos organizados polo Casino de Santiago onde se presentaron os finalistas de Novela Europea

Román Rodríguez salienta que ter máis e mellores lectores é beneficioso para reforzar o sector do libro

Refírese á campaña de fomento do libro que acaba de poñer en marcha a Xunta para visibilizar e concienciar a todos os públicos e incidir nestes aspectos

“Unha das mellores formas de celebrar o Día do Libro é lendo”, indica o titular de Cultura ao tempo que anima a estender as celebracións durante todo o ano

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos conmemorativos do Día do Libro organizados polo Casino de Santiago onde animou a estender durante todo o ano estas celebracións para reforzar os hábitos de lectura, o apoio aos autores galegos e tamén a proxección exterior das letras galegas.

Neste sentido, o titular de Cultura da Xunta recordou a campaña de fomento do libro e da lectura que a Xunta vén de pór en marcha para visibilizar e concienciar da importancia da lectura nun momento no que se está a rexistrar un incremento de lectores nos últimos anos a raíz da pandemia. “Unha das mellores maneiras de conmemorar este día é, sen dúbida, lendo, porque ter máis e mellores lectores é beneficioso para reforzar o sector”, engadiu.

Tamén se referiu a iniciativas como a levada a cabo polo Casino de Santiago na que o seu impulsor, Ubaldo Rueda, está a “contribuír de xeito importante a forxar novos lectores” e a promover a paixón pola lectura a través dos Premios de Novela Europea. Como expresou, nos seus 20 anos de vida, este certame está a contribuír a contar en Galicia con escritores de prestixio mundial, cunha nómina de premiados “que nos fai sentir orgullosos a todos os galegos e amantes da lectura, axudando a facer de Santiago de Compostela unha cidade máis cultural, aberta e dinámica”, indicou.

Conmemoracións do libro

Tamén co gallo do Día do Libro, varios representantes institucionais da Xunta participaron en actos para conmemorar a efeméride. O secretario xeral de Cultura e o delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, visitaron as actividades organizadas pola Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración da nova biblioteca en galego da Casa de Celi no centro comercial As Cancelas de Santiago, coa que promover entre a cativada a cultura e a educación en galego. Unha iniciativa que pon o colofón á Semana do Libro, ao abeiro da que ademais se instalará neste centro un espazo de lectura en galego, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, aberto todos os días. Valentín García tamén participa na Insua dos Poetas na homenaxe ao poeta galego Arcadio López Casanova, falecido a pasada semana.

 

De xeito parello, no marco Día do Libro, as bibliotecas públicas de xestión autonómica programan ao redor dunha vintena de actividades entre contacontos, obradoiros, mostras bibliográficas sesións de teatro ou de maxia para promover hábitos de lectura entre todos os públicos. A programación completa pode consultarse na web de Cultura de Galicia.

Todas estas accións enmárcanse na intensa actividade de promoción do libro e da lectura durante todo o ano, con accións como o seu apoio ás feiras do libro como patrocinadora principal, que veñen de arrancar en Ferrol e que se estenderán en 13 localidades ata agosto. Tamén conta con distintas liñas específicas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que acadan os 1,6 M€. Ademais, estanse a retomar a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional.

Imaxes relacionadas