Sanidade confirma un caso de salmonela logo da alerta relacionada cunha partida de ovos de chocolate

Trátase dun menor da área sanitaria de Lugo, que xa foi dado de alta

Outros dous casos están en estudo

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022.-

 Tras a alerta comunicada polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade sobre a asociación de salmonelose cunha determinada partida de ovos de chocolate, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade emitiu un comunicado ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás xefaturas territoriais da consellería, co alcance da alerta e o procedemento de actuación.

Dentro das accións de vixilancia incluíuse a procura activa de casos relacionados (ademais da retirada dos lotes correspondentes do produto obxecto da alerta).

Con este procedemento identificáronse tres posibles casos, dous da área sanitaria de Lugo e un da de Coruña, dos que, a día de hoxe, só un foi confirmado. Trátase dun cidadán, maior de idade, da área sanitaria de Lugo. Ningún dos tres está ingresado.

 

Ao respecto desta alerta, o orixe da mesma sitúase no momento no que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición tivo coñecemento, a través da Rede de Alerta Alimentaria Europea, dunha notificación relativa á retirada precautoria de lotes de determinados produtos fabricados en Bélxica e distribuídos en diferentes países.