O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, inaugurou esta mañá na Coruña unha conferencia divulgativa sobre o ‘cohousing’ sénior

Política Social salienta a necesidade de ofrecer ás persoas maiores diferentes opcións para emprender esa nova etapa da súa vida onde e como queiran

O Goberno galego está ultimando a normativa para implantar este modelo residencial na nosa Comunidade

O representante da Consellería asistiu tamén á celebración dos XXV xogos autonómicos de campo a través e petanca de Special Olympics en Culleredo

 

A Coruña, 23 de abril de 2022.-

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, salientou a necesidade de dar ás persoas maiores máis opcións para vivir esta etapa onde e como prefiran. Trátase, engadiu esta mañá durante a inauguración dunha conferencia divulgativa sobre o modelo residencial para maiores de cohousing, dun obxectivo no que o Goberno galego leva anos traballando e avanzando.

 

Neste sentido, Fernando González Abeijón apuntou que Galicia está ultimando a normativa para implantar este modelo na nosa Comunidade, un modelo que conta con experiencias xa noutros países e outras comunidades e que permite que as persoas maiores vivan en comunidade e comparta servizos e prestacións. Así, durante o encontro desenvolvéronse mesas redondas nas que participaron representantes de entidades que desenvolven este programa en Pamplona, Huelva ou Madrid, entre outras localidades, así como investigadores e persoal do sector en Galicia.

 

No acto, organizado por Cohousing Ártabra coa colaboración da Universidade da Coruña e no que participou o xestor do proxecto e presidente de Senior Cohousing Huelva, Pedro Ponce, entre outros expertos, expuxéronse cuestións como as Experiencias do Estado Español ou as Experiencias galegas embrionarias ou en desenvolvemento. A xornada está a desenvolverse ao longo de todo o día no campus de Riazor da Universidade da Coruña.

 

Special Olympics

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade asistiu tamén esta mañá á celebración dos XXV Xogos Autonómicos de campo a través e petanca organizados por Special Olympics Galicia, que tiveron lugar no polideportivo do Burgo, en Culleredo. Durante a competición Fernando González Abeijón puxo en valor a capacidade das persoas con discapacidade para enfrontarse a novos retos e loitar por un mundo en igualdade.

Imaxes relacionadas