O programa Renove Automoción da Xunta xa supera as 1200 solicitudes recibidas

O Goberno galego ampliou a principios de semana o orzamento destinado a este programa ata alcanzar os 4,5 millóns de euros

As peticións recibidas supoñen unha mobilización de preto de 26 millóns de euros de investimento público-privado

A maioría de solicitudes -1130- corresponden a particulares e o resto a empresas e autónomos, mentres que os vehículos de gasolina e híbridos de gasolina son os máis demandados
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia xa recibiu un total de 1252 solicitudes para acceder ás axudas do programa Renove Automoción que esta mesma semana ampliou o crédito en 2 millóns de euros para chegar a un orzamento total de 4,5 millóns co obxectivo de seguir apoiando a substitución do parque automobilístico galego.

 

Así, das peticións totais, 1130 corresponden a particulares e as restantes 122 a empresas e autónomos. Supoñen axudas por 3,37 millóns de euros cun investimento público-privado asociado de preto de 26 millóns. En canto ao tipo de motorización, os vehículos máis demandados son os de gasolina -481-, seguidos dos híbridos de gasolina, con 428 solicitudes.

 

Cómpre lembrar que as axudas son de concorrencia non competitiva —é dicir, por orde de chegada das solicitudes— e tramítanse a través dalgunha das 85 entidades colaboradoras. Oscilan entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales o Goberno galego achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario, 1000. A contía increméntase nun 20% para familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3400 e 4600 euros.

 

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que a persoa beneficiaria acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Polo tanto, entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire.

Imaxes relacionadas